A Biblioteca López Cortón de Cedeira recibe un premio estatal polo seu proxecto de animación á lectura

FerrolXa
A iniciativa 'enCULTÚRAte, enCEDÉIRAte: Inspira Cedeira, Expira Cultura' foi unha das 370 seleccionadas polo Ministerio de Cultura na convocatoria María Moliner
CEDEIRA Biblioteca López Cortón
8 Oct 2026

A Biblioteca Municipal López Cortón de Cedeira vén de sumar un novo recoñecemento ao seu labor de promoción da lectura. O centro foi distinguido na convocatoria 2026 do Concurso de Animación á Lectura María Moliner, impulsado polo Ministerio de Cultura, grazas ao proxecto 'enCULTÚRAte, enCEDÉIRAte: Inspira Cedeira, Expira Cultura'.

A proposta presentada polo Concello de Cedeira obtivo 83 puntos sobre 100 na valoración realizada polo Ministerio e recibirá unha axuda económica de 2.777,77 euros. En total, a convocatoria recoñeceu 370 proxectos de bibliotecas de todo o país, cunha dotación conxunta de 1,1 millóns de euros.

Entre as iniciativas seleccionadas, dez recibirán os premios especiais, dotados con 10.000 euros, mentres que as 360 restantes, entre elas a de Cedeira, percibirán a contía ordinaria prevista nas bases da convocatoria. A valoración do proxecto cedeirense destacou especialmente en varios dos criterios empregados polo xurado. No apartado de interese acadou 38 puntos, mentres que no de impacto obtivo 15. A proposta conseguiu ademais a máxima puntuación posible, 10 puntos, no criterio de claridade.

Desde a Biblioteca Municipal López Cortón e a Concellería de Cultura valoran este recoñecemento como un respaldo ao traballo que se desenvolve ao longo de todo o ano para converter a biblioteca nun espazo de acceso á cultura, fomento da lectura, encontro e participación da veciñanza.

O Goberno Municipal tamén puxo en valor o labor do persoal da biblioteca e agradeceu a súa dedicación, así como a colaboración das persoas usuarias, colectivos e entidades que participan nas actividades e contribúen a manter a López Cortón como un servizo público próximo e activo.

O premio supón ademais un impulso para continuar desenvolvendo iniciativas destinadas a fomentar os hábitos lectores, achegar os libros e a cultura a públicos de todas as idades e reforzar o papel da biblioteca como un dos principais espazos culturais e educativos de Cedeira.

0.16232299804688