A Biblioteca Municipal de Valdoviño organiza unha formación gratuíta sobre a plataforma eBiblioDaCoruña

A Biblioteca Municipal de Valdoviño acollerá este mércores, 28 de outubro, unha xornada formativa para dar a coñecer o funcionamento da plataforma dixital eBiblioDaCoruña e as posibilidades que ofrece para acceder a contidos de lectura de maneira gratuíta. A actividade comezará ás 17.30 horas e estará aberta a toda a veciñanza, sen necesidade de inscrición previa. As persoas asistentes deberán levar o seu teléfono móbil ou unha tableta para poder seguir as explicacións.
A iniciativa busca achegar á cidadanía os recursos dixitais dispoñibles a través deste servizo de préstamo, impulsado pola Deputación da Coruña e dirixido ás persoas lectoras da provincia. A plataforma permite acceder a libros electrónicos, audiolibros, prensa e outros materiais, cunha dispoñibilidade permanente: funciona as 24 horas do día durante os 365 días do ano.
Durante a sesión explicaranse os pasos necesarios para darse de alta no servizo e acceder á plataforma, así como as diferentes modalidades de lectura dispoñibles. As persoas participantes poderán coñecer como ler os contidos en liña, acceder a eles sen conexión ou descargalos para utilizalos nos seus dispositivos.
A formación tamén abordará outras ferramentas da eBiblioDaCoruña, como o envío de suxestións para a compra de novos títulos, o acceso aos clubs de lectura e a participación nas distintas experiencias de aprendizaxe que ofrece o servizo.
Con esta xornada, o Concello anima a veciñanza a descubrir as posibilidades da biblioteca dixital e a familiarizarse cun recurso que permite consultar materiais de lectura desde distintos dispositivos e en calquera momento, sen necesidade de desprazarse ata a biblioteca.