A Casa da Cultura de San Sadurniño inaugura este sábado unha exposición do Premio Jesús Núñez

FerrolXa
A mostra reunirá as obras seleccionadas na vixésima edición do certame internacional ata o 1 de decembro, mentres que o taller de iniciación terá lugar o día 14 con 12 prazas dispoñibles
SAN SADURNIÑO casa da cultura
11 Nov 2026

A Casa da Cultura de San Sadurniño acollerá desde este sábado, 14 de novembro, unha exposición coas obras seleccionadas para o XX Premio Internacional de Arte Gráfica Jesús Núñez. A mostra, promovida pola Deputación da Coruña e a Fundación CIEC, poderá visitarse ata o 1 de decembro e estará acompañada dun obradoiro de iniciación ao gravado para maiores de 12 anos.

A iniciativa permitirá achegarse a diferentes técnicas e propostas da creación gráfica contemporánea a través dunha selección de obras que forman parte da programación itinerante do certame, coa que a institución provincial busca levar estas creacións a distintos municipios da Coruña.

Na vixésima edición, o premio foi para a artista catalá Regina Giménez pola súa obra Pensar un paisatge (2025). Trátase dunha serigrafía na que destacan o emprego da cor e a combinación de formas sinxelas cunha importante carga conceptual e simbólica, nunha reflexión sobre a representación gráfica da paisaxe.

A exposición inclúe tamén obras finalistas de Tomás Pariente e Javier Agulló Rodríguez, ofrecendo unha panorámica de diferentes linguaxes e estilos dentro da arte gráfica actual.

A programación completarase cun obradoiro de iniciación ao gravado o propio sábado 14 de novembro, de 17:00 a 19:00 horas, na Casa da Cultura. As persoas participantes poderán coñecer os principios básicos desta disciplina e experimentar co proceso de creación de imaxes mediante técnicas de impresión.

A actividade está dirixida a maiores de 12 anos, aínda que os menores de 16 deberán acudir acompañados dunha persoa adulta. Hai un máximo de 12 prazas, que se cubrirán por orde de inscrición.

As persoas interesadas poden anotarse chamando ao 616 332 919, escribindo ao enderezo electrónico agustin.perez@sansadurnino.gal ou acudindo directamente á Casa da Cultura.

Pola súa banda, a exposición poderá visitarse ata o 1 de decembro polas mañás, de luns a venres, e tamén polas tardes, coincidindo cos horarios da biblioteca e das demais actividades do centro cultural.

0.14697909355164