A chuvia non frea a Feira Rural de San Sadurniño, que pecha unha nova edición con bo ambiente

A XVII Feira Rural de San Sadurniño pechou este sábado unha nova edición na leira da Cortiña marcada pola chuvia, que reduciu a afluencia de visitantes especialmente a partir do mediodía, pero non impediu que a programación se desenvolvese cun bo ambiente. O Concello fixo un balance positivo da xornada e destacou a resposta do público ás diferentes propostas.
A feira abriu as súas portas ás 10.00 horas cun total de 65 postos, nos que estiveron representados produtores agroalimentarios, artesáns, viveiros, maquinaria, artigos de segunda man e diferentes colectivos vinculados ao medio rural. A variedade da oferta converteu novamente A Cortiña nun punto de encontro para veciñanza e visitantes.
Un dos principais atractivos da xornada foi o concurso de froita autóctona, que nesta edición reuniu 84 cestiños con diferentes variedades de mazás, peras, pexegos, claudias e outros froitos. A actividade completouse con degustacións e propostas relacionadas coa conservación das froiteiras e os coñecementos tradicionais da horta.
Charlas, visitas e actividades para toda a familia
As actividades divulgativas tiveron tamén un papel destacado. Entre as máis concorridas estiveron as dúas sesións de 'Hortelando con Nuska Chousa', nas que a divulgadora compartiu durante aproximadamente hora e media en cada encontro os seus coñecementos sobre cuestións como a compostaxe, a polinización, as pragas e as enfermidades das plantas.
A programación incluíu ademais visitas á horta de conservación de froiteiras Carlos Fornos, talleres familiares, actividades relacionadas coa apicultura e o patrimonio xeolóxico do Xeoparque do Cabo Ortegal, así como descensos en kaiak polo río Xubia.
A música tamén acompañou a xornada con pasacalles, mentres que o público puido achegarse ás diferentes exposicións e participar nos sorteos de lotes de produtos de proximidade.
Entre as actividades da tarde destacou o concurso morfolóxico da raza Can de Palleiro, xunto con novas degustacións de froita, visitas guiadas e outra sesión divulgativa de Nuska Chousa. A programación prolongouse ata a tarde, coa clausura oficial prevista para as 20.15 horas.
A meteoroloxía acabou condicionando a presenza de público, pero non evitou que a feira mantivese boa parte das súas actividades nin que os postos rexistrasen un nivel de vendas considerado razoable pola organización tendo en conta as condicións da xornada.