A Deputación presenta o proxecto para converter Caaveiro nun museo de sitio sobre a historia de Galicia

A Deputación da Coruña presentou o proxecto de musealización do Mosteiro de Caaveiro, unha iniciativa coa que pretende transformar este enclave das Fragas do Eume nun museo de sitio que permita comprender a súa relevancia histórica e cultural. A proposta busca, especialmente, explicar o papel do mosteiro na historia de Galiza e do antigo Reino de Galiza, ademais de contextualizar a súa relación coa paisaxe e o territorio.
A presentación tivo lugar na Asociación Cultural Alexandre Bóveda e contou coa participación do deputado de Patrimonio, Xosé Penas; o xefe de Arquitectura da Deputación, Daniel Beiras; e o director do proxecto, Adolfo Seler. Penas explicou que a actuación pretende ir máis alá da conservación arquitectónica do edificio e dotar o conxunto dun discurso interpretativo que permita aos visitantes coñecer a súa historia.
O deputado lembrou que a institución provincial leva anos traballando na recuperación e consolidación arquitectónica do mosteiro e que o proceso para impulsar a musealización comezou hai aproximadamente tres anos. Os traballos físicos iniciáronse pouco antes do verán, tras completar os trámites administrativos, os permisos, os estudos e a elaboración dos proxectos necesarios.
Un relato sobre os mosteiros e a historia de Galiza
A proposta museográfica pretende explicar a función dos mosteiros galegos ao longo da historia, tanto como centros económicos e de poder como espazos de creación cultural, articulación territorial e conservación da lingua e da memoria documental.
Segundo expuxo Penas, Caaveiro debe converterse nun espazo de divulgación histórica no que escolares, familias e visitantes poidan achegarse ao pasado do país. O proxecto contempla unha interpretación que permita comprender o monumento máis alá da súa dimensión arquitectónica e da súa integración nunha paisaxe de gran valor natural.
A Deputación toma como referencia diferentes experiencias europeas de musealización de conxuntos monásticos, entre elas os mosteiros de San Juan de la Peña, en Aragón; Santa María de Ripoll, en Cataluña; Tibães, en Portugal; e as abadías de Fontenay, en Francia, e Fountains, no Reino Unido.
As Fragas do Eume, parte da experiencia museística
A intervención tamén pretende incorporar a paisaxe das Fragas do Eume ao discurso interpretativo do mosteiro. A idea é que a visita permita comprender a relación histórica entre Caaveiro, o seu contorno natural e as comunidades que habitaron este territorio.
A musealización enmárcase na aposta da Deputación por un modelo de turismo cultural e territorial que priorice visitas pausadas e respectuosas co medio ambiente, tendo en conta a fraxilidade ecolóxica das Fragas do Eume. A institución defende que o proxecto contribúa á dinamización da comarca a través dunha oferta cultural vinculada ao patrimonio e á divulgación histórica.
Penas destacou tamén a importancia de levar iniciativas museográficas deste tipo ao rural, fronte á concentración dos grandes equipamentos culturais nas cidades. A intervención busca, así, reforzar o valor patrimonial de Caaveiro e convertelo nun espazo de interpretación da historia, da identidade e da evolución do territorio galego.