A exposición 'Galegos en Mauthausen' péchase en Valdoviño cunha homenaxe ás vítimas do Holocausto

A exposición fotográfica 'Galegos en Mauthausen' despediuse este xoves de Valdoviño cun acto de clausura que combinou a divulgación histórica e a homenaxe ás vítimas do Holocausto. A xornada comezou cun minuto de silencio en lembranza das vítimas mortais da traxedia ferroviaria de Toledo e continuou cun percorrido guiado polo historiador Enrique Barrera.
Na clausura participou tamén María Encarnación Mayán Santos, fiscal delegada en materia de Dereitos Humanos e Memoria Democrática no ámbito da Fiscalía Provincial da Coruña, encargada de coordinar a atención ás vítimas da Ditadura e a protección dos dereitos humanos na provincia.
O encontro contou, así mesmo, coa presenza de veciños e veciñas participantes nas aulas de estimulación cognitiva que organiza o Concello de Valdoviño, cuxas sesións comezarán a próxima semana en Meirás e Valdoviño.
O acto rematou co acendido de seis candeas en lembranza das vítimas do Holocausto, das persoas superviventes e de quen axudou a salvar vidas. A mostra, promovida pola Asociación Cultural Memoria Histórica Democrática, reuniu fotografías e documentos que amosan as duras condicións que padeceron os españois presos no campo nazi de exterminio de Mauthausen.
A iniciativa forma parte do programa de Actividades de Recuperación da Memoria Democrática impulsado polo Concello de Valdoviño, co apoio económico da Deputación da Coruña e a colaboración da asociación.