A Festa do Pan de Neda xa ten programación para a súa XXXVI edición

A conta atrás para unha das citas máis tradicionais de Neda xa está en marcha. A Festa do Pan, declarada de Interese Turístico de Galicia, celebrará a súa XXXVI edición o vindeiro domingo 6 de setembro e xa conta coa programación oficial para unha xornada na que o pan volverá ser o gran protagonista.
A celebración desenvolverase, como é habitual, na contorna do paseo marítimo a partir das 10.00 horas, combinando a presenza dos produtos dos fornos locais con propostas culturais, musicais e de lecer pensadas tanto para os máis pequenos como para o público adulto.
Nesta edición participarán tres panadarías da localidade: Panificadora Germán, La Gallega e Paca Castro. Os seus produtos compartirán protagonismo co mercado de artesanía e coas diferentes actividades que se sucederán ao longo do día.
O programa inclúe tamén unha importante presenza gastronómica, con degustación de produtos da ría e das empanadas presentadas ao concurso, antes do pregón, que este ano correrá a cargo de Eduardo Dobarro, director de Navantia Ferrol e veciño de Neda. O acto servirá ademais para entregar os premios do Concurso de Empanadas.
A música terá tamén un papel destacado, con diferentes actuacións ao longo da xornada e a presentación da nova formación Os Kurtidos. Pola tarde, a programación estará especialmente orientada ao público familiar, con actividades infantís e propostas de animación.
Un dos momentos máis esperados será o xantar popular, previsto para as 14.00 horas, cun menú que incluirá diferentes pratos e produtos tradicionais por 22 euros.
A organización aposta así por manter a esencia dunha festa que converte o pan e os produtos dos fornos nedenses no seu principal atractivo, pero que ano tras ano amplía as propostas para converter a xornada nunha celebración para todos os públicos.