A Festa do Percebe regresa a Cedeira con 600 quilos do prezado marisco e o mesmo prezo do pasado ano

Cedeira celebra esta fin de semana a XXIII Festa do Percebe, unha das citas gastronómicas máis destacadas do verán na comarca, na que a Confraría de Pescadores prevé servir arredor de 600 quilos deste apreciado marisco baixo a carpa instalada no porto.
As racións, duns 300 gramos, manterán o mesmo prezo da pasada edición e poderán adquirirse por 20 euros. Ademais, a organización ofrecerá polbo á feira por 18 euros e racións de empanada de liscos e bonito por 6 euros, ademais de pan e bebidas. As billeteiras permanecerán abertas de 12.00 a 17.00 horas tanto o sábado como o domingo.
Durante a celebración funcionará un tren turístico gratuíto que realizará viaxes continuas entre a praza de Galicia e o peirao para facilitar os desprazamentos dos asistentes. A organización agarda unha importante afluencia de público, favorecida polas boas previsións meteorolóxicas.
A programación da fin de semana irá máis alá da gastronomía. O domingo, a praia de Area Longa acollerá unha festa acuática con inchables e kaiaks entre as 16.30 e as 19.00 horas, dirixida a pequenos e maiores.
O ambiente festivo completarase co Festival Discalzos, que este ano traslada o seu escenario á praza Floreal. O sábado haberá xogos infantís, actuación dun paiaso e concertos da Banda de Música Vila de Cedeira, Prieto Picado, Nito Serrano y Lapurasangre e Vimbio. O domingo, a música continuará cunha sesión vermú protagonizada por Koi e os grupos locais Roupa Vella e Os Benignos.
A fin de semana tamén estará marcada polas festas patronais de Esteiro, en honra de San Fiz, e da Carballa, en Montoxo, onde se celebrará San Ignacio con misas, sesións vermú, procesións e verbenas.