A historia do surf no Cantábrico poderá descubrirse en dúas visitas guiadas durante o Pantín Classic

Coincidindo coa celebración do Pantín Classic, o Océano Surf Museo organizará dúas visitas guiadas especiais á exposición 'O surf chega ao Cantábrico', unha proposta que permitirá afondar na evolución deste deporte no norte peninsular a través de táboas históricas e pezas de gran valor patrimonial.
As visitas terán lugar os días 27 e 28 de agosto, ás 19.00 horas, e contarán coa participación de Enrique Artero, Javier Amezaga e Gonzalo Gandarias, tres persoas vinculadas á historia e á divulgación da cultura do surf, que achegarán aos asistentes o contexto e as curiosidades das pezas expostas.
A mostra reúne unha coidada selección de táboas que permiten coñecer como foi a chegada e evolución do surf na costa cantábrica, converténdose nun complemento perfecto para un dos eventos deportivos máis importantes do calendario internacional deste deporte.
As prazas son limitadas, polo que as persoas interesadas deberán reservar con antelación enviando un correo electrónico a oceanosurfmuseo@gmail.com indicando os seus datos.
A iniciativa conta co apoio da Xunta de Galicia a través da liña de subvencións destinada ás Festas de Interese Turístico de Galicia e reforza a programación paralela do Pantín Classic, combinando deporte, historia e divulgación arredor da cultura do surf.