A historia dun emigrante das Ribeiras do Sor protagoniza un libro que se presenta en Mañón

FerrolXa
A obra 'Chamábanme Pancho Villa', de Bernard Le Gonidec, recupera a vida de Servando Blanco e será presentada este sábado no local social da SCR Luz de Ribeiras do Sor, cun acto aberto ao público
MAÑON libro chamabanme pancho villa
14 Nov 2026

A memoria da emigración galega volverá ocupar un lugar destacado na programación cultural de Mañón coa presentación do libro 'Chamábanme Pancho Villa', unha obra do escritor e investigador bretón Bernard Le Gonidec que reconstrúe a historia de vida de Servando Blanco, emigrante natural das Ribeiras do Sor.

A cita será este sábado, 14 de novembro, ás 18:00 horas, no local social da SCR Luz de Ribeiras do Sor. A presentación correrá a cargo de Beatriz Bermúdez, historiadora e bibliotecaria da Biblioteca Pública Municipal do Barqueiro-Mañón, e contará coa intervención de María Lopo, filóloga francesa e ensaísta. A entrada será libre e gratuíta.

O libro forma parte do traballo de recuperación da memoria migratoria impulsado polo Proxecto Migracións Mañón, que leva varios anos investigando e divulgando as historias das persoas que marcharon da comarca e os vínculos que mantiveron coa súa terra de orixe. A publicación adquire tamén un significado especial pola figura do seu autor, Bernard Le Gonidec, falecido en febreiro deste ano aos 93 anos. O investigador bretón mantivo unha estreita relación con Galicia e, especialmente, co territorio de Ortegal.

A presentación intégrase nas xornadas sobre emigración que se están a desenvolver durante novembro no local social das Ribeiras do Sor. A programación inclúe tamén a exposición 'Galicia imaxinada nas revistas da emigración', que poderá visitarse ata este domingo, 15 de novembro, entre as 18:00 e as 20:00 horas.

A mostra reúne paneis sobre a imaxe de Galicia nas publicacións da emigración e permite achegarse ao papel que desempeñaron estas revistas na difusión da identidade galega fóra do país. As actividades están coordinadas pola Biblioteca Pública Municipal do Barqueiro-Mañón e a área de Animación Sociocultural do Concello.

0.18160700798035