A literatura fantástica e o terror tomarán Pontedeume coa celebración da Vila das Lendas

FerrolXa
O programa desenvolverase do 6 ao 8 de novembro con encontros literarios, cine, obradoiros infantís, un percorrido polo cemiterio e un pasaxe do medo nos xardíns de Lombardero
PONTEDEUME vila das lendas
3 Nov 2026

Pontedeume converterase durante tres días nun escenario para as historias fantásticas, o terror e a tradición oral coa celebración da Vila das Lendas, unha iniciativa que terá lugar entre o venres 6 e o domingo 8 de novembro. A programación reúne actividades culturais e de lecer para distintos públicos, con propostas arredor das lendas e da memoria colectiva eumesa.

A apertura será o venres 6 de novembro ás 18:30 horas cunha andaina de Samaín desde a Biblioteca ata a Casa da Cultura, na que participarán personaxes da Santa Compaña. A actividade contará coa colaboración da asociación cultural Orballo e do grupo de teatro do IES Breamo.

A xornada continuará ás 19:00 horas na Biblioteca cunha conversa sobre a adaptación dunha lenda de Pontedeume ao cine, na que intervirán as profesoras da Universidade da Coruña Mercedes Durán e Adriana Navarro. Ás 20:00 horas proxectarase a película de animación ‘Coco’, dirixida ao público infantil, e ás 22:00 horas será a quenda do cine de terror coa exhibición de ‘El Exorcista’ na Casa da Cultura.

Obradoiros, literatura e un pasaxe do medo

O sábado 7 comezará ás 11:00 horas coa exposición ‘Entre lendas e sombras’, na Casa da Cultura, que amosará publicacións de literatura fantástica e de terror da Biblioteca Municipal. Poderá visitarse tamén o domingo, en horario de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas.

A programación infantil incluirá un obradoiro de marcapáxinas de medo, ás 11:30 horas na Casa da Xuventude, a cargo da compañía A Guagua. Ao mediodía, a Casa da Cultura acollerá ‘Pontedeume, unha vila de lendas’, unha viaxe polos relatos, personaxes e episodios da memoria colectiva eumesa coa xornalista Carmen Blanco e o filólogo Xosé Fonte Sardiña.

Xa pola tarde, ás 13:00 horas, o cociñeiro Antonio Díaz Calvo falará sobre a relación entre a gastronomía e o Samaín na actividade ‘A cociña do medo’. Ás 17:00 horas, a escritora Emma Pedreira guiará o percorrido ‘As horas mortas’ polo cemiterio, para contar as historias das persoas que descansan alí. Esta actividade require inscrición previa a través do correo culturapontedeume@yahoo.es.

A literatura fantástica continuará ás 18:00 horas na Biblioteca cun faladoiro sobre a novela fantástica na literatura universal, con Blanca Rodríguez. Unha hora despois, Antonio Manuel Fraga abordará na Casa da Cultura o papel da novela infantil e xuvenil de fantasía na formación de novos lectores.

O sábado rematará cunha das propostas máis inmersivas do programa: o pasaxe do medo nos xardíns de Lombardero, que estará aberto de 20:00 a 22:00 horas e estará inspirado en personaxes e escenarios da literatura de terror. A actividade está dirixida ao público xuvenil e adulto.

Mitoloxía galega e clausura musical

A programación do domingo 8 comezará ás 11:00 horas cunha conversa sobre seres mitolóxicos e literatura galega na Casa da Cultura, na que participarán Natalia de la Peña e o escritor e editor Francisco Castro. Ás 12:00 horas, a Biblioteca acollerá unha charla sobre mitoloxía e folclore galego con David Das Tebras.

Pola tarde, ás 13:00 horas, a Escola de Música Charamela ofrecerá un concerto de bandas sonoras de cine na Casa da Cultura. Ás 16:00 horas, o escritor Pedro Feijoo participará no encontro ‘Cando unha vida se converte en relato’, centrado na relación entre a memoria, a experiencia vital e a creación literaria.

A festa infantil de Samaín pechará a programación de actividades para os máis pequenos cun pasarrúas da compañía A Guagua ata a Alameda, entre as 17:30 e as 20:00 horas. O acto institucional de clausura celebrarase ás 19:30 horas na Casa da Cultura e incluirá un concerto de Mariachi Sol de Galicia polo Día dos Defuntos.

Durante a fin de semana tamén haberá puntos de venda de libros na Casa da Cultura e na Biblioteca, con participación de editoriais, librarías e colectivos de autores.

0.16194891929626