A maxia chegará ás parroquias de Pontedeume cun ciclo de espectáculos gratuítos para toda a familia

As parroquias de Pontedeume converteranse en escenario de ilusión e entretemento coa celebración dun ciclo de espectáculos de maxia que percorrerá diferentes núcleos do municipio entre o 3 e o 6 de agosto. A programación, organizada polo Concello e con entrada gratuíta, levará actuacións para toda a familia a sete localidades.
O programa arrancará o luns 3 de agosto con dúas citas ás 19.30 horas. O mago Charlangas presentará o espectáculo 'A Temporal' no Local Social de Nogueirosa, mentres que Charly Braun actuará no Local Social de Centroña coa proposta 'Loca Academia de Maxia'.
O martes 4 de agosto será a quenda de Ombre e Campolongo. Charlangas repetirá 'A Temporal' en Ombre, e Charly Braun levará a Campolongo o espectáculo 'A igualdade é cousa de maxia', unha función con mensaxe educativa arredor da igualdade.
A programación continuará o mércores 5 de agosto con dúas novas actuacións. O Local Social de Olmo acollerá novamente 'A Temporal', de Charlangas, mentres que Boebre recibirá a Charly Braun con 'Hotel Transilvania'.
O ciclo rematará o xoves 6 de agosto en Andrade, onde Charly Braun representará 'Charly Potter e a escola de maxia', tamén ás 19.30 horas.
Con esta iniciativa, o Concello aposta por achegar actividades culturais e de lecer ás parroquias durante o verán, levando espectáculos de pequeno formato a diferentes puntos do municipio para facilitar que veciños e visitantes poidan desfrutar da maxia sen saír da súa contorna.