A memoria dun miliciano galego que acabou nos campos de traballo nazis chega este xoves ao Barqueiro

A historia dun galego que loitou como miliciano, fuxiu da represión franquista e acabou sometido a traballos forzados durante a Segunda Guerra Mundial será protagonista este xoves, 8 de outubro, na Biblioteca Pública Municipal do Barqueiro-Mañón. O escritor e investigador Juan Galán presentará ás 18.30 horas o seu libro 'Rotspanier. Un miliciano galego no exilio francés 1939-1945', nun acto organizado en colaboración coa asociación Nordés.
A obra recupera a peripecia vital de Joaquín Fernández Millán, un mariñeiro natural da Pobra do Caramiñal que emigrara ao País Vasco na década de 1920 e que chegou a combater como miliciano no Exército de Euskadi. Co final da Guerra Civil, a comezos de febreiro de 1939, cruzou os Pireneos rumbo ao exilio francés, como fixeron miles de republicanos españois.
A súa situación, lonxe de mellorar, complicouse coa chegada da Segunda Guerra Mundial. Fernández Millán foi internado en campos de concentración en Francia e posteriormente obrigado a traballar en compañías de traballo baixo o control do Goberno de Vichy. Máis adiante, xa en territorio ocupado polos nazis, foi destinado á Organización Todt, vinculada á construción do Muro Atlántico.
O libro emprega esta historia persoal para achegarse á realidade dos chamados 'Rotspanier', o termo co que o réxime nazi identificaba de maneira pexorativa os republicanos españois exiliados. A investigación pon o foco nun episodio menos coñecido do exilio republicano e na explotación como man de obra forzada que sufriron moitos destes exiliados durante a guerra.
Juan Galán, nacido na Coruña en 1961, estudou Filoloxía Inglesa na Universidade de Santiago de Compostela e exerceu como profesor de inglés na Escola Oficial de Idiomas de Ferrol. Ademais da súa actividade literaria, desenvolve traballos de investigación sobre a memoria republicana de Galicia e forma parte da directiva da Asociación de Memoria Histórica Democrática de Ferrolterra. 'Rotspanier' constitúe o seu primeiro traballo de investigación histórica.
O encontro deste xoves permitirá coñecer de primeira man as claves dunha obra que rescata a historia de Fernández Millán e, a través dela, a de tantos outros galegos e españois obrigados a abandonar o seu país e que posteriormente quedaron atrapados na Europa dominada polo nazismo.