A merenda de Nadal da terceira idade de Neda celebrarase o 18 de decembro

O Concello de Neda prepara a tradicional merenda de Nadal da terceira idade, unha das citas habituais da programación festiva, que terá lugar o próximo 18 de decembro no centro cívico da localidade. A actividade busca reunir á veciñanza maior nunha tarde de convivencia e celebración arredor das festas.
Os asistentes poderán degustar chocolate quente con churros e o tradicional Roscón de Reis. A xornada contará tamén con animación musical, a cargo de Alejandro Caribe, e co habitual sorteo de regalos.
A iniciativa é gratuíta para as persoas residentes en Neda, que poderán inscribirse nas oficinas de Servizos Sociais do Concello ata o 11 de decembro. As prazas son limitadas e asignaranse por rigorosa orde de inscrición.
No caso de que queden vacantes, abrirase nos días inmediatamente anteriores á celebración un novo prazo para que poidan participar persoas doutras localidades, que deberán abonar unha cota de cinco euros.