A mocidade de Ares xa pode poñer en imaxes a súa particular mirada sobre o municipio

A fotografía volverá ser unha vía para que a mocidade de Ares amose como ve e interpreta o municipio. O X Concurso de Fotografía Xuvenil Concello de Ares xa ten aberto o prazo de participación, nunha convocatoria que busca fomentar a creatividade e, ao mesmo tempo, poñer en valor aqueles lugares, paisaxes, celebracións e momentos da vida cotiá que forman parte da identidade local.
O certame está dirixido a mozos e mozas de 8 a 18 anos que estean empadroados en Ares ou que sexan alumnado do CPI As Mirandas. As persoas participantes deberán realizar as fotografías de maneira individual e poderán presentar un máximo de dúas imaxes.
O concurso establece dúas categorías segundo a idade. A primeira está reservada para participantes de 8 a 12 anos, mentres que a segunda corresponde aos mozos e mozas de 13 a 18 anos.
As fotografías deberán ser orixinais, realizadas ao longo de 2026 e non publicadas anteriormente nin presentadas noutros concursos. Ademais, terán que enviarse en formato dixital JPEG ou JPG, cun tamaño de entre 6 e 12 megapíxeles. As bases establecen que non se admitirán imaxes editadas ou manipuladas nin fotografías xeradas ou modificadas mediante intelixencia artificial.
Ata dúas fotografías por participante
O prazo para presentar os traballos permanecerá aberto ata o 2 de novembro de 2026 ás 20.00 horas. As imaxes deberán enviarse ao correo electrónico concursofotografia@concellodeares.com, acompañadas da documentación e dos formularios de participación e identificación debidamente cubertos e asinados.
No caso de que nas fotografías aparezan outras persoas, será necesario achegar tamén a correspondente autorización para o uso da súa imaxe.
O xurado encargado de valorar os traballos terá en conta aspectos como a adecuación ás bases, a creatividade, a orixinalidade e a capacidade da fotografía para representar a realidade e a identidade de Ares. Ao rematar a selección, escolleranse seis fotografías finalistas, tres por cada categoría.
As obras gañadoras terán ademais presenza no Calendario Municipal de Ares 2027, que se distribuirá polo municipio identificando a autoría das imaxes.
Cámaras e libros entre os premios
En cada unha das dúas categorías haberá tres premios. A persoa que consiga o primeiro posto recibirá unha cámara de fotos ou unha tablet, mentres que os segundos e terceiros premios consistirán en lotes de libros.
As persoas que obtiveron os primeiros premios na edición anterior non poderán participar nesta convocatoria.
O concurso está organizado pola Concellaría de Cultura e a OMIX de Ares, en colaboración co CPI As Mirandas, e pretende que a mocidade se deteña na súa contorna para descubrir e mostrar a través da fotografía aqueles elementos que considera representativos da súa comunidade.
Para resolver dúbidas ou consultar información sobre a convocatoria, as persoas interesadas poden acudir á OMIX, no Edificio Alianza Aresana, na rúa María 11, ou contactar co teléfono 981 448 057.