A nave municipal de Mourente non irá á poxa tras a confirmación por escrito da Seguridade Social

A nave municipal de Mourente queda fóra do procedemento de poxa. A Tesourería Xeral da Seguridade Social confirmou por escrito ao Concello de Valdoviño que o inmoble, propiedade municipal, non será subastado. A comunicación ratifica o que o organismo xa trasladara telefonicamente hai aproximadamente dúas semanas, tras as xestións realizadas pola Secretaría municipal.
A confirmación chega despois de que a secretaria municipal presentase unha reclamación previa de tercería de dominio, un trámite co que o Concello acreditou mediante escritura que a finca lle pertence. A Tesourería respondeu agora favorablemente a esa reclamación, polo que queda aclarada a situación da nave, que aparecía inicialmente vinculada a un procedemento de poxa de bens dunha empresa.
O asunto volveu centrar parte do debate político no pleno do pasado 5 de novembro. Nesa sesión, o PP cuestionou ata en tres ocasións se a Secretaría municipal realizara o trámite para defender a titularidade do inmoble, malia as respostas afirmativas da habilitada nacional. O alcalde, Alberto González, reiterou que se trataba dun erro da Seguridade Social e sostivo que a nave non podería ser adxudicada a terceiros porque a propiedade municipal estaba acreditada documentalmente.
A polémica comezou a finais de outubro, cando o PP alertou da posible poxa da nave e reclamou explicacións sobre a situación do patrimonio municipal. Os populares chegaron a cualificar o asunto de escándalo urbanístico e pediron información sobre outros posibles bens en risco de embargo. Naquel momento, o goberno local xa asegurara que o inmoble fora incluído por erro no procedemento e que se estaban realizando as xestións para corrixilo.
Durante o pleno, González tamén repasou a adquisición da nave. Segundo explicou, o expediente de compra iniciouse en marzo de 2015 e a operación formalizouse o 22 de maio dese ano, dous días antes das eleccións municipais. O inmoble fora adquirido meses antes por Excavaciones Saavedra, empresa que figuraba vinculada ao procedemento de poxa.
Coa resposta escrita da Tesourería Xeral da Seguridade Social, o Concello conta agora cunha confirmación formal de que a nave municipal de Mourente non será subastada. A resolución pecha así a incidencia administrativa que dera lugar á controversia entre o goberno local e o Partido Popular.