A oposición de Ferrol reclama máis control nas actividades para evitar normalizar o alcohol entre menores

Os tres grupos da oposición de Ferrol —PSdeG, BNG e Ferrol en Común— reclamaron ao Goberno municipal unha maior supervisión das actividades organizadas en espazos públicos despois de coñecer parte da programación da Festa da Cervexa que se celebra esta fin de semana na Praza de Armas.
A polémica xurdiu a raíz da difusión nas redes sociais da organización de varias propostas destinadas ao público infantil con denominacións como Pinta tu lata de cerveza ou Cata y Taller para cerveceros niños. Os representantes da oposición abordaron esta cuestión durante a comisión informativa de Educación e Universidade, Política Social e Inclusión, Muller, Xuventude, Familia, Infancia e Multiculturalidade e Política Lingüística.
PSdeG, BNG e Ferrol en Común consideran especialmente grave vincular actividades dirixidas á infancia con referencias explícitas á cervexa. Ao seu xuízo, este tipo de propostas poden contribuír a normalizar o consumo de alcohol entre os menores, cando as administracións públicas deben traballar precisamente na prevención das adiccións e na protección da infancia.
Por este motivo, os tres grupos solicitaron a retirada inmediata destas actividades e reclamaron que non se desenvolva ningún taller ou concurso infantil que poida asociar aos menores co consumo de bebidas alcohólicas. A oposición enmarca a súa petición na normativa galega de prevención das adiccións en menores.
As formacións lembran ademais que a Festa da Cervexa conta coa colaboración do Concello de Ferrol, que presentou publicamente o evento e facilita, segundo explican, o uso gratuíto do espazo público, así como os subministros de auga e electricidade.
Neste contexto, consideran que o Goberno municipal debe exercer un maior control sobre a programación das iniciativas promovidas por empresas privadas cando estas se desenvolven coa colaboración da Administración local. Para os grupos da oposición, a cesión dun espazo municipal debe ir acompañada dunha revisión dos contidos, especialmente cando existen actividades destinadas á infancia.
PSdeG, BNG e Ferrol en Común tamén fixeron referencia a outro evento celebrado anteriormente no mesmo emprazamento, no que aseguran que se denunciou a exhibición de mensaxes de carácter sexual e vexatorio en elementos luminosos visibles para o público.
As tres formacións trasladaron o seu malestar polo sucedido e reclamaron ás concellerías responsables un maior rigor á hora de supervisar futuras propostas. Defenden que as actividades que conten coa colaboración municipal deben ofrecer unha programación respectuosa, segura, responsable, educativa e inclusiva para o conxunto da cidadanía e, de maneira especial, para os menores.