A Plataforma por un Transporte Digno chama a secundar a folga xeral do 11 de novembro

FerrolXa
A entidade de Ferrolterra, Eume e Ortegal súmase á convocatoria contra a suba dos alugueiros e o custo da vida e anima a participar no paro no traballo, nos estudos, nos coidados e no consumo
FERROL folga bus (2)
2 Nov 2026

A Plataforma por un Transporte Público Digno en Ferrolterra, Eume e Ortegal chamou a secundar a folga xeral convocada para o vindeiro mércores 11 de novembro contra o encarecemento da vivenda e o custo da vida. A entidade súmase así a unha mobilización impulsada polos sindicatos de inquilinas xunto con organizacións sindicais laborais.

A plataforma considera que unha parte maioritaria da poboación traballadora está a sufrir un empobrecemento acelerado e apunta ao aumento dos alugueiros, ao encarecemento da cesta da compra e a uns salarios que, segundo denuncia, xa non permiten manter unhas condicións de vida dignas. Fronte a esta situación, sostén que o incremento dos beneficios dunha minoría contrasta coas dificultades económicas que afrontan cada vez máis fogares.

Aínda que recoñece que a vivenda e os salarios non forman parte directamente do seu ámbito de actuación, a organización defende que estas reivindicacións tamén afectan á capacidade da cidadanía para participar e organizarse colectivamente. 'Cando periga o fundamental, unha casa e un salario que chegue a fin de mes, periga tamén todo o que facemos xuntas', sinala no seu comunicado.

Por iso, a plataforma anima a participar na folga do 11N non só nos centros de traballo, senón tamén nos estudos, nos coidados e no consumo. O seu chamamento conclúe co lema 'O 11N parámolo todo. Vémonos na folga!'.

0.15263795852661