A Semana Infantil abre en Cedeira a conta atrás para as Festas da Patroa con cinco días de xogos e diversión

O Concello de Cedeira dará a benvida ao mes de agosto coa celebración dunha nova edición da Semana Infantil, unha das citas máis agardadas pola cativada e que servirá para quentar motores antes das Festas da Patroa. A programación desenvolverase entre o luns 3 e o venres 7 de agosto, cun amplo calendario de actividades pensadas para nenos e nenas de ata 14 anos.
A Praza Roxa converterase, un ano máis, no punto de encontro da iniciativa. As actividades comezarán cada mañá ás 11.00 horas e non será necesario realizar inscrición previa para participar. Monitores especializados encargaranse de coordinar os diferentes xogos, deseñados para fomentar a convivencia, o lecer activo e a diversión entre a rapazada.
A programación arrancará o luns cunha xornada dedicada aos xogos atléticos, que incluirán probas de velocidade, resistencia e relevos. O martes chegará a quenda das tradicionais 'carreiras de humor', con desafíos como percorridos levando un ovo sobre unha culler ou competicións con sacos.
O mércores estará reservado para xogos por equipos e para o clásico xogo das cadeiras, mentres que o xoves a proposta será unha procura do tesouro acompañada de diferentes xogos de mesa.
A Semana Infantil pecharase o venres cun dos momentos máis esperados, o concurso de castelos na area, que trasladará aos participantes ata a praia da Madalena para poñer a proba a súa creatividade e o traballo en equipo.
Esta iniciativa chegará despois dunha intensa fin de semana na que Cedeira acollerá a Festa do Percebe, o festival Discalzos e outras actividades, enlazando así cun programa estival que manterá o municipio cheo de propostas antes do inicio das Festas da Patroa.