A Senda das Ánimas volverá a Neda con probas de terror e capacidade para 500 participantes

O Samaín chegará o vindeiro sábado 31 de outubro cunha nova edición da Senda das Ánimas, que combinará sustos, probas participativas e escenas terroríficas nun percorrido renovado pola rúa Real. O Concello prepara unha programación que terá como protagonistas o público infantil e xuvenil e que permitirá duplicar a capacidade da actividade ata alcanzar os 500 participantes.
A proposta desenvolverase de maneira continuada entre as 19.00 e as 21.00 horas. Os participantes avanzarán en grupos de 20 persoas por un itinerario concibido como unha combinación de túnel do terror e xincana, no que deberán superar diferentes desafíos mentres se enfrontan a sustos e sorpresas.
A actividade está dirixida fundamentalmente á rapazada, aínda que os nenos e nenas máis pequenos deberán acudir acompañados dunha persoa adulta. As prazas serán limitadas, pero os cambios no formato permitirán ampliar a capacidade respecto de edicións anteriores.
Inscricións en dúas quendas
As inscricións abrirán o luns 26 de outubro para os nenos e nenas da localidade, que poderán anotarse ata o mércores 28. O trámite poderá realizarse na Biblioteca Municipal ou chamando ao teléfono 981 390 233.
Os días 29 e 30 de outubro, sempre que queden prazas dispoñibles, será a quenda da rapazada doutras localidades interesada en participar na actividade.
Magosto con castañas, boliños preñados e música
A programación completarase coa celebración do tradicional magosto, aberto ao conxunto da cidadanía. A actividade terá lugar na Casa das Palmeiras e na súa contorna, onde se poderán degustar castañas asadas e os habituais boliños preñados.
A xornada contará tamén coa animación musical dun DJ, que contribuirá a crear un ambiente festivo arredor dunha das celebracións máis características do outono galego.