A Sociedade Artística Ferrolana prepara un novo libro sobre a historia da pintura na cidade

A Sociedade Artística Ferrolana (SAF) prepara unha nova publicación dedicada á historia da pintura na cidade. A entidade acordou na súa última reunión da Xunta Directiva editar un novo volume baixo o título 'Pintura Ferrolana/Semblanzas', que recollerá referencias e información sobre numerosos artistas, desde Jenaro Pérez Villaamil ata os pintores e pintoras máis representativos da actualidade.
O proxecto retoma unha publicación que a SAF editou en 1987 e que leva anos esgotada. Aquel volume contou cun prólogo de Camilo José Cela e textos do daquela alcalde, Jaime Quintanilla, e do profesor e pintor José Leyra Domínguez, baixo a dirección de Carlos Barcón Collazo, pintor, crítico de arte e académico de Belas Artes.
A xunta tamén acordou preparar o número 32 da revista Poesía Galicia, que incluirá poemas e textos literarios de autores como Xavier Seoane, Rosa Méndez, Gonzalo Simón, Paco Vila, Rosa María Milleiro, Beba Pereiro, José Mesejo e Jaime Kozak, entre outros.
Entre os asuntos abordados figura tamén a necesidade de que a entidade poida dispoñer dun local municipal na rúa Magdalena, en Ferrol, que, segundo sinala a SAF, leva anos sen uso. A sociedade xa solicitou este espazo ao Concello para organizar cursos de pintura e exposicións, ademais de almacenar e conservar os seus fondos: máis de 20.000 revistas de arte de distintos lugares do mundo, preto dun cento de cadros, libros especializados e documentación sobre pintores e pintoras locais.
A reunión serviu tamén para facer balance da actividade cultural desenvolvida durante este ano. Entre as iniciativas impulsadas figuran a celebración da festividade de San Lucas, patrón dos pintores; os premios literarios e poéticos; o XVIII Certame de Piano Xuvenil; a VI Lareira de Poesía e Música; o 42º Salón da Muller na Pintura e a entrega do Premio da Música Gregorio Baudot. Tamén se organizaron unha exposición sobre a paisaxe galega e distintas colaboracións con certames de pintura convocados polo Museo Naval de Ferrol e o Concello de San Sadurniño.
A SAF anunciou ademais que a próxima edición do Premio de Piano Xuvenil terá lugar o 24 de abril de 2027. Durante a reunión acordouse o nomeamento de novos socios de honra: a poeta Rosa María Milleiro; o alcalde de San Sadurniño, Secundino García Casal; a empresaria e directiva da entidade María Graciela García Rey; e o vicesecretario da SAF, Carlos Barcón Teruel. Os recoñecementos entregaranse durante a tradicional comida anual de confraternidade de San Lucas.
Por último, a Xunta Directiva acordou o nomeamento de María José Pereira Beceiro, avogada e pintora, como nova integrante da directiva, así como a incorporación de Julio Ferrín, pintor e debuxante, e Maite Pereira, avogada e pintora, como asesores de arte.