A UDC organizará en Ferrol un campamento de creatividade e ciencia para facilitar a conciliación ao remate do verán

FerrolXa
A iniciativa, dirixida a nenos e nenas de entre 6 e 12 anos, desenvolverase do 31 de agosto ao 8 de setembro no Campus Industrial
FERROL campus udc
3 Aug 2026

O Campus Industrial de Ferrol acollerá entre o 31 de agosto e o 8 de setembro o campamento 'Todas as Ideas Contan', unha nova proposta impulsada pola Oficina de Igualdade de Xénero da Universidade da Coruña (UDC) co obxectivo de facilitar a conciliación das familias durante os últimos días das vacacións escolares.

A iniciativa, que se celebrará por primeira vez na cidade, está dirixida a nenos e nenas de entre 6 e 12 anos e desenvolverase en horario de 8.30 a 14.30 horas. O campamento estará coordinado polo equipo de Gazapo e combinará actividades de creatividade, ciencia e aprendizaxe a través do xogo.

Ao longo das diferentes xornadas, as persoas participantes realizarán obradoiros de expresión artística, construción de estruturas, experimentos científicos, xogos de rol, retos de lóxica, actividades de investigación e descubrimento, ademais de xogos tradicionais e propostas ao aire libre. A metodoloxía estará baseada na experimentación, na cooperación e na participación activa da cativada.

A tarifa xeral será de 95 euros, mentres que as persoas integrantes da comunidade universitaria poderán participar por 80 euros. Ademais, as familias terán a posibilidade de contratar os servizos complementarios de madrugadores e comedor. As prazas son limitadas e adxudicaranse por rigorosa orde de inscrición.

A posta en marcha deste novo campamento chega despois da boa acollida do Campamento Tecnolóxico de Verán organizado polo Campus Industrial e PlayCode Academy entre os meses de xuño e xullo. Na súa terceira edición participaron 84 nenos e nenas, que realizaron actividades relacionadas coa programación, a robótica, a ciencia e o deseño 3D mediante ferramentas como LEGO Education, Arduino, Micro:Bit, drons ou impresión 3D.

Con esta nova proposta, a Universidade da Coruña amplía a súa oferta de actividades estivais en Ferrol, apostando por iniciativas que combinan a aprendizaxe co lecer educativo e contribúen a facilitar a conciliación familiar no tramo final do verán.

0.073334932327271