A vida nos castros regresa a Sedes cun Oenach Atlántico que estrea xantar popular

A Campa do Trece, na parroquia naronesa de Sedes, volverá converterse esta fin de semana nun auténtico poboado castrexo coa celebración da vixésimo sexta edición do Oenach Atlántico. A festa, declarada de Interese Turístico de Galicia, desenvolverase entre o 31 de xullo e o 2 de agosto cun amplo programa de actividades que combina historia, artesanía, gastronomía e espectáculos para todos os públicos.
A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e a concelleira de Turismo, Natalia Hermida, presentaron este martes unha edición que contará, un ano máis, coa implicación da Asociación de Veciños Rosa dos Ventos e da Grande Compañía de Teatro Comunitario de Sedes, formada por veciñas e veciños da parroquia.
Durante tres días, a Campa do Trece recreará a vida nos antigos castros galegos con demostracións de oficios tradicionais como a olería, a cestería, a talla en madeira e pedra, o traballo do coiro ou o téxtil artesanal. O recinto tamén contará cun mercado de artesanía, propostas gastronómicas, obradoiros infantís e xogos populares.
A programación comezará o venres 31 de xullo coa apertura da Feira de Artesanía e do Mercadiño Artesán ás 18.00 horas. Ás 21.30 horas terá lugar o tradicional acendido dos lumes, que marcará o inicio oficial da festa, seguido dunha noite de música galega coas actuacións de Abril e Lenda Ártabra.
O sábado concentrará boa parte das actividades, coa apertura da feira, o espazo infantil Castro Miúdo, teatro familiar, un encontro de bandas de gaitas e a esperada 'Noite do Castro'. A partir das 22.30 horas, a Grande Compañía de Teatro Comunitario de Sedes representará no castro de Eiravedra a recreación parateatral 'Aurum Terra', un dos momentos máis emblemáticos do Oenach, que rematará cunha degustación de liscos e chourizos.
A principal novidade deste ano chegará o domingo coa celebración do primeiro xantar popular da historia do evento. O menú estará composto por costeletas de porco celta e chourizo con cachelos, con hamburguesa de porco celta para o público infantil, ademais de tarta de Narón, café de pota e chopo de licor, todo a prezos populares. Os tickets poderán adquirirse no propio recinto.
A última xornada incluirá tamén unha mostra de razas autóctonas centrada no can de palleiro, a representación de 'Lendas castrexas', o concerto de Meninos do Pandeiro, xogos populares e unha nova recreación teatral que servirá para despedir a edición deste ano.
Desde o Concello animan á veciñanza e aos visitantes a achegarse a Sedes para participar nunha das citas culturais máis singulares do verán galego, unha festa que cada ano reivindica o patrimonio, a historia e a identidade da cultura castrexa.