A Xove Banda de Narón e a Banda Infantil Sementeira protagonizan un concerto solidario por Santa Icía

A música e a solidariedade unirán este sábado a Xove Banda de Narón e a Banda Infantil Sementeira nun concerto especial con motivo de Santa Icía, patroa da música e dos músicos. A actuación terá lugar no Auditorio municipal, situado na praza de Galicia, a partir das 18.00 horas.
O evento, impulsado pola Asociación Cultural Musical Sementeira en colaboración co Padroado da Cultura de Narón, contará cun amplo e variado repertorio interpretado por ambas as agrupacións. As entradas terán un prezo de cinco euros e poderán adquirirse no propio auditorio desde as 17.00 horas.
A recadación destinarase ao Centro de Recursos Solidarios de Narón, entidade que presta apoio ás familias que máis o necesitan. Esta será a segunda edición deste concerto solidario organizado pola asociación musical coa finalidade de colaborar co labor que desenvolve o centro.
Desde o Concello de Narón e a Asociación Cultural Musical Sementeira animan á cidadanía a asistir a esta cita, que permitirá desfrutar do talento dos músicos máis novos da cidade e, ao mesmo tempo, contribuír a unha causa solidaria.