A Xunta Electoral considera que o Concello de Ferrol vulnerou a lei electoral ao promocionar dous proxectos municipais

FerrolXa
O órgano de zona ordena retirar as publicacións sobre o Sánchez Aguilera e 'Abrir Ferrol ao Mar' e advirte de que poderá abrir un procedemento sancionador se se repiten actuacións similares
FERROL concello pola noite
7 Nov 2026

A Xunta Electoral de Zona de Ferrol considera que o Concello vulnerou a lexislación electoral ao presentar o proxecto de urbanización do Sánchez Aguilera e anunciar novas actuacións de 'Abrir Ferrol ao Mar' durante o período electoral das eleccións do 29 de novembro. O órgano require ao Concello, 'a través do seu alcalde', José Manuel Rey Varela, que retire de inmediato as dúas publicacións da súa páxina web e que se absteña de realizar actuacións similares durante o que resta de período electoral.

A resolución foi adoptada por unanimidade o pasado 5 de novembro, tras un escrito presentado polo PSdeG-PSOE o día anterior. Os socialistas consideraban que os anuncios municipais incumprían o artigo 50.3 da Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral (LOREG), que prohibe durante o período electoral realizar actos de inauguración de obras ou servizos públicos, así como de proxectos destes.

A primeira das actuacións denunciadas tivo lugar o 26 de outubro, cando Rey Varela presentou o proxecto de urbanización do Sánchez Aguilera. Segundo recolle a denuncia do PSOE, non se tratou dunha comunicación limitada á aprobación do PERI-2-R, senón dunha presentación do proxecto con apoio de medios visuais e protagonizada polo propio alcalde, que figura nas listas do PP como candidato ao Senado pola provincia da Coruña.

A segunda publicación apareceu na web municipal o 2 de novembro e anunciaba 'a conta atrás para o inicio das obras de Abrir Ferrol ao Mar', ademais de describir as actuacións previstas no proxecto.

O Concello deberá retirar as publicacións

Tras analizar os feitos, a Xunta Electoral conclúe que as actuacións denunciadas 'vulneran o previsto no artigo 50.3 da LOREG'. Por iso, require ao Concello que retire 'con carácter inmediato' as publicacións realizadas os días 26 de outubro e 2 de novembro e que se absteña de realizar durante o resto do período electoral actuacións de natureza análoga.

O acordo tamén apercibe expresamente á Administración local e ao seu alcalde de que poderá abrirse un procedemento sancionador no caso de reincidir neste tipo de condutas. Ademais, esixe que se cumpra o requirimento de maneira inmediata e que se comuniquen á Xunta Electoral as medidas adoptadas para facelo efectivo.

A resolución non impón unha sanción, senón que establece a retirada das publicacións e advirte das posibles consecuencias dunha eventual reincidencia.

Dous proxectos destacados do Goberno local

A decisión afecta a dous dos proxectos urbanísticos que o Goberno de Rey Varela puxo en valor nos últimos días. O Sánchez Aguilera recibiu a aprobación definitiva do seu proxecto de urbanización o 26 de outubro. A intervención abrangue máis de 100.000 metros cadrados dos antigos terreos militares e conta cun investimento previsto de 17,8 millóns de euros. O deseño inclúe un bosque urbano con case 500 árbores, zonas deportivas e infantís, novas rúas, un carril bici e 363 prazas de aparcadoiro gratuítas.

Pola súa banda, 'Abrir Ferrol ao Mar' continúa coa súa terceira fase no tramo de Caranza. O alcalde anunciou o 2 de novembro que as obras comezarían nas semanas seguintes, inicialmente coa creación de aparcadoiros na rúa Telleiras. O proxecto, cun investimento de arredor de 1,1 millóns de euros e un prazo de execución de 13 meses, prevé habilitar 74 prazas de estacionamento, mellorar os itinerarios peonís e ciclistas e crear novas zonas de lecer e espazos deportivos.

0.16366600990295