Alicia Munín asume a codirección da Cátedra Cosme Álvarez de los Ríos da UDC e Navantia

A Cátedra Cosme Álvarez de los Ríos inicia unha nova etapa coa incorporación da profesora da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) Alicia Munín Doce á súa dirección. A iniciativa, promovida pola Universidade da Coruña (UDC) e Navantia, estará agora codirixida por Munín e por Rafael Morgade, responsable de Transformación Dixital e Industrial en Navantia Ría de Ferrol. A incorporación da docente prodúcese despois de case unha década de actividade da cátedra, creada en 2017 e que ata agora estaba codirixida pola tamén profesora da EPEF Ana Álvarez García.
O relevo chega cunha clara vinculación co ámbito da innovación e da formación especializada. Munín é unha das docentes da EPEF cunha traxectoria estreitamente relacionada coa industria naval e coa investigación aplicada. Desde 2020 coordina o grao en Enxeñaría Naval e Industrial e participa tamén noutras titulacións de grao e posgrao vinculadas á enxeñaría.
A súa chegada á cátedra permitirá, segundo sinala a propia profesora, continuar reforzando os lazos entre o Campus Industrial de Ferrol e Navantia, así como achegar ao alumnado unha visión directa das transformacións que está a experimentar o sector naval.
Precisamente, a actividade desenvolvida pola cátedra nos últimos anos centrouse en achegar a realidade da industria aos estudantes. Entre as iniciativas impulsadas durante a etapa anterior destacan os premios aos Traballos Fin de Máster e as conferencias impartidas por profesionais vinculados ao sector.
Munín puxo en valor o traballo realizado por Ana Álvarez García desde a creación da cátedra e considerou que as actividades desenvolvidas permitiron mostrar ao alumnado e á comunidade universitaria a diversidade de oportunidades existentes arredor da industria naval.
Especialista en xemelgos dixitais aplicados ao sector naval
A nova codirectora conta cunha ampla experiencia tanto no ámbito docente como no investigador. É enxeñeira Naval e Oceánica e doutora en Enxeñaría Naval e Industrial pola UDC.
A súa actividade investigadora desenvólvese no Grupo Integrado de Enxeñaría da Universidade da Coruña e no Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) do Campus Industrial de Ferrol. Un dos eixos principais do seu traballo é o desenvolvemento do xemelgo dixital aplicado á industria naval, unha tecnoloxía que permite crear representacións virtuais de sistemas ou procesos reais para analizar o seu funcionamento e optimizar diferentes operacións.
Munín tamén participou en proxectos de investigación financiados pola Unión Europea, congresos nacionais e internacionais e publicacións especializadas. A súa relación coa investigación aplicada no ámbito industrial comezou antes da súa chegada á UDC, en 2010. Previamente traballara en proxectos relacionados coa soldadura robotizada no Centro de Innovación e Servizos de Galicia e posteriormente no Centro Tecnolóxico Naval de Galicia, onde investigou cuestións relacionadas coa economía do sector marítimo e o mantemento de flotas.
Con este relevo, a Cátedra Cosme Álvarez de los Ríos afronta unha nova etapa na que formación, investigación e empresa continuarán compartindo espazo, cunha especial atención aos retos tecnolóxicos e industriais aos que se enfronta o sector naval desde Ferrol.