Ares lanzará unha nova edición do MercAres para dinamizar o comercio e a hostalaría durante o Nadal

O Concello de Ares poñerá en marcha o próximo 1 de decembro unha nova edición do MercAres, a campaña de dinamización do comercio e da hostalaría local que se desenvolverá durante as festas de Nadal e o período de rebaixas. Baixo o lema 'Rasca e gaña!', a iniciativa estará activa ata o 31 de xaneiro de 2027 e busca incentivar as compras nos negocios de proximidade.
A campaña permitirá que as persoas que realicen compras ou consumicións superiores a 10 euros nos establecementos participantes reciban un vale-rasca co que poderán optar a premios directos de ata 500 euros. Os premios deberán reinvestirse nos propios negocios colaboradores, co obxectivo de favorecer o consumo local e impulsar a actividade económica da vila.
A iniciativa está promovida pola Concellaría de Turismo e conta coa colaboración do comercio e da hostalaría de Ares. O Concello anima aos negocios da vila que aínda non se adheriron á campaña a sumarse a esta proposta de dinamización económica.
Os establecementos interesados en participar poden contactar coa Concellaría de Turismo a través do teléfono 677 124 121.
O MercAres pretende así fomentar as compras de proximidade durante unha das épocas de maior actividade comercial do ano, ao tempo que anima a veciñanza a apostar polos negocios locais.