As asociacións de Cabanas dispoñen ata o 25 de novembro para solicitar as axudas municipais

FerrolXa
O Concello reserva 15.000 euros para apoiar proxectos culturais, educativos, deportivos e actividades veciñais
CABANAS casa concello
12 Nov 2026

As asociacións e entidades sen ánimo de lucro de Cabanas xa poden solicitar as subvencións municipais convocadas polo Concello para financiar os seus programas e actividades durante 2026. A convocatoria conta cun orzamento total de 15.000 euros e busca reforzar o tecido asociativo local, así como promover iniciativas culturais, educativas, deportivas e de convivencia abertas á veciñanza.

As axudas están dirixidas a entidades legalmente constituídas, sen ánimo de lucro e con sede social no municipio. Entre os requisitos figuran estar inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións ou ter solicitado a inscrición, contar cun mínimo de 15 socios e ter ao día as obrigas tributarias e coa Seguridade Social. Ademais, as entidades non poden ter pendente a xustificación doutras subvencións concedidas polo Concello nin ter asinado un convenio municipal.

Poderán recibir financiamento actividades culturais, educativas e deportivas, así como iniciativas veciñais, festas patronais e outras propostas lúdicas e festivas. As actuacións deberán desenvolverse no termo municipal ou abordar cuestións de interese para Cabanas, e estar abertas ao público xeral, non unicamente ás persoas asociadas.

A contía das axudas determinarase en función da puntuación obtida por cada entidade. As asociacións que acaden polo menos oito puntos poderán recibir 500 euros para gastos de mantemento, mentres que o resto da partida dispoñible se distribuirá proporcionalmente á valoración dos proxectos. En todo caso, a subvención municipal non poderá superar o 80 % do custo da actividade ou do proxecto financiado.

O prazo para presentar as solicitudes é de 15 días naturais desde o día seguinte á publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia, polo que rematará o 25 de novembro. A documentación deberá presentarse no Rexistro Xeral do Concello ou a través dos rexistros públicos previstos na normativa, empregando o modelo normalizado e achegando os anexos correspondentes.

As bases, os formularios e a documentación necesaria poden consultarse na web municipal e no Departamento de Cultura.

0.17739510536194