As asociacións de Neda poderán optar a 16.000 euros en axudas para actividades culturais e deportivas

O Concello de Neda destinará 16.000 euros a apoiar o labor das entidades sen ánimo de lucro do municipio que promovan actividades culturais e deportivas. O prazo para solicitar estas subvencións municipais permanecerá aberto ata o vindeiro 1 de decembro e permitirá financiar iniciativas desenvolvidas entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2026.
Poderán optar ás axudas as entidades, asociacións e agrupacións veciñais sen ánimo de lucro que estean inscritas no Rexistro municipal de asociacións. Segundo establecen as bases da convocatoria, deberán desenvolver as súas actividades preferentemente no termo municipal de Neda. No caso de que se realicen fóra da localidade, terán que ser iniciativas que suplan ou complementen as competencias atribuídas ao Concello.
10.000 euros para actividades culturais
A convocatoria reserva 10.000 euros para a promoción de actividades culturais, cunha contía máxima de 1.500 euros por solicitude. Entre as iniciativas subvencionables figuran exposicións, publicacións, celebracións, conferencias, homenaxes, concursos, certames, mostras, excursións culturais e eventos musicais, así como estudos e outras propostas destinadas á conservación, promoción e divulgación dos valores culturais.
Á hora de repartir os fondos, teranse especialmente en conta as actividades dirixidas ás persoas maiores e á mocidade, así como aquelas organizadas conxuntamente por varias asociacións.
6.000 euros para o deporte local
No ámbito deportivo, o Concello destinará 6.000 euros a apoiar o traballo dos clubs que fomenten a práctica de actividades físico-deportivas durante 2026. Os criterios de valoración primarán as entidades que conten cun maior número de licenzas en competicións federadas, dispoñan de máis dun equipo en competición e desenvolvan actividades de carácter permanente.
As solicitudes deberán presentarse, xunto coa documentación correspondente, no Rexistro Xeral do Concello dentro do prazo establecido, que remata o 1 de decembro.