As comunidades de montes analizarán en Ortigueira como participar na repotenciación dos parques eólicos

A repotenciación dos parques eólicos pode abrir novas oportunidades para os territorios nos que se sitúan estas instalacións. Como aproveitar ese proceso e que papel poden desempeñar as comunidades de montes na produción de enerxía propia son algunhas das cuestións que centrará unha xornada que se celebrará en Ortigueira o sábado 21 de novembro.
O encontro, titulado «Máis alá dos parques eólicos: comunidades e territorio», está organizado por Seitura 22 no marco do proxecto de cooperación Redenerxía, coa participación do Observatorio Eólico de Galicia (OEGA) e a colaboración do Concello de Ortigueira. A actividade desenvolverase entre as 10:30 e as 13:15 horas no Centro Social de San Adrián e está aberta á participación do público, previa inscrición.
A sesión abordará as posibilidades que se presentan cando un parque eólico antigo se moderniza e substitúe os seus aeroxeradores por outros máis eficientes. Estes procesos, coñecidos como repotenciación, poden implicar novas negociacións cos territorios afectados e abrir vías para que as comunidades locais participen nos proxectos enerxéticos. A Xunta explica que a modernización permite aumentar a eficiencia das instalacións e reducir o número de aeroxeradores necesarios, mantendo a potencia instalada.
O programa contará coa presenza do director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández, e do alcalde de Ortigueira, Valentín Calvín. Tras a apertura, o xerente de Seitura 22, Miguel Teixido, dará paso á intervención do catedrático de Economía Aplicada Xavier Simón, do OEGA, que analizará os desafíos e as oportunidades que ofrecen estes procesos para os territorios.
Un dos puntos de interese será a presentación de experiencias que xa están en marcha en Galicia. Entre elas figura a repotenciación vinculada a oito comunidades de montes da Serra de Covelo, na comarca da Paradanta, así como os proxectos da Comunidade Enerxética de Buchabade, en Ponte Caldelas, que produce a súa propia electricidade, e de Portabouza, en Arbo.
A xornada tamén reservará un espazo para o debate sobre as posibilidades de participación das comunidades de montes veciñais en man común, asociacións veciñais, persoas propietarias e outros colectivos. O obxectivo é identificar como estes grupos poden ter máis capacidade de decisión e liderado na transición enerxética, así como explorar o potencial destas iniciativas para xerar desenvolvemento local.
A actividade forma parte de Redenerxía, un proxecto de cooperación impulsado por catro grupos de desenvolvemento rural: Seitura 22, Terra Chá, Terras de Miranda e Ulla-Tambre-Mandeo. A iniciativa busca promover novas comunidades enerxéticas e acompañar as xa existentes ata finais de 2027, ofrecéndolles asesoramento técnico, xurídico e administrativo gratuíto.
As persoas interesadas poden consultar o programa e formalizar a inscrición a través da web de Redenerxía.