As entidades sen ánimo de lucro poderán solicitar desde este xoves as axudas municipais de 2026

FerrolXa
O Concello destina 4.000 euros a unha convocatoria para financiar actividades, equipamento e melloras nas instalacións das asociacións
MOECHE concello
28 Oct 2026

As asociacións e entidades sen ánimo de lucro poderán solicitar desde este xoves 29 de outubro as subvencións destinadas a financiar as actividades, obras e servizos que desenvolvan durante 2026. O prazo permanecerá aberto ata o próximo 11 de novembro e as solicitudes deberán presentarse exclusivamente a través da sede electrónica municipal.

A convocatoria conta cun orzamento total de 4.000 euros, que se distribuirán mediante un procedemento de concorrencia competitiva. Poderán beneficiarse as entidades inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións que desenvolvan a súa actividade en Moeche e estean ao corrente das súas obrigas con Facenda, a Seguridade Social e o propio Concello.

Actividades, gastos de funcionamento e melloras

As axudas poderán destinarse a financiar actividades culturais, deportivas e educativas, tanto puntuais como anuais. Entre as iniciativas subvencionables figuran concertos, representacións teatrais, torneos, obradoiros, conferencias, viaxes culturais e encontros veciñais.

Tamén se poderán cubrir gastos do funcionamento ordinario das entidades, como a electricidade, o teléfono ou os desprazamentos, cun límite do 40 % da subvención concedida. As asociacións que dispoñan dun local propio ou alugado poderán destinar ata 500 euros a obras e melloras nas súas instalacións. Así mesmo, contémplase a adquisición de equipamento necesario para desenvolver a súa actividade.

Quedan excluídos os gastos financeiros, notariais e rexistrais, as multas e sancións, así como as actividades que xa reciban outra axuda municipal ou estean cubertas por un convenio co Concello.

Valorarase a participación veciñal e a promoción do galego

Á hora de avaliar as solicitudes, teranse en conta aspectos como o número e a traxectoria das actividades, a participación veciñal e a cantidade de persoas socias. Tamén se valorarán especialmente as iniciativas dirixidas ás mulleres, á mocidade, á infancia e ás persoas maiores, a promoción da cultura e da lingua galegas, a colaboración entre entidades e a difusión das actividades nas redes sociais.

Todas as actividades subvencionadas e os seus materiais de difusión deberán estar en galego.

As entidades beneficiarias poderán solicitar un anticipo do 50 % da axuda unha vez concedida e terán de prazo ata o 15 de decembro para xustificar os gastos.

Os impresos normalizados están dispoñibles na páxina web municipal, nas oficinas do Concello e no taboleiro de anuncios. As bases completas poden consultarse no Boletín Oficial da Provincia e na Base de Datos Nacional de Subvencións, co número 937119. As oficinas municipais tamén están dispoñibles para resolver as dúbidas das entidades interesadas.

0.16944408416748