As Festas do Mar e San Roque contarán con lanzamentos pirotécnicos en dúas xornadas

As Festas do Mar e as Festas de San Roque volverán encher Ares de actos relixiosos, música e celebracións durante os próximos días, pero tamén de pirotecnia. Por este motivo, o Concello emitiu un bando municipal para informar con antelación dos lanzamentos previstos e facilitar que a veciñanza poida adoptar as medidas de protección necesarias, especialmente no caso das persoas máis sensibles ao ruído e dos animais.
O primeiro dos disparos terá lugar este domingo 2 de agosto, entre as 14.00 e as 15.00 horas, cando a Comisión de Festas do Mar realizará o lanzamento de dispositivos pirotécnicos na avenida Teniente General Gabeiras ao remate da procesión na honra da Virxe do Carme.
A segunda cita será o domingo 9 de agosto, coincidindo coas Festas de San Roque. Nesa xornada está previsto un novo lanzamento de pirotecnia entre as 13.30 e as 14.30 horas, aproximadamente, na mesma zona. Ademais, ás 00.00 horas celebrarase o tradicional espectáculo de fogos artificiais, un dos actos máis destacados do peche das festas.
O Concello incide especialmente no aviso ás persoas usuarias da praia canina, situada nas inmediacións do punto desde o que se efectuarán os lanzamentos, xa que ese espazo non poderá utilizarse durante os horarios indicados.
As Festas do Mar, que se desenvolven entre o 30 de xullo e o 2 de agosto, dan paso poucos días despois ás Festas de San Roque, programadas entre o 7 e o 9 de agosto, cun programa que inclúe actividades gastronómicas, concertos, a tradicional Milla Urbana, procesións, verbenas e os fogos artificiais que porán o broche final ás celebracións.