As mulleres protagonizan as xornadas sobre o Camiño de Santo André de Teixido

A memoria e as experiencias das mulleres vinculadas ao Camiño de Santo André de Teixido centrará varias actividades programadas para finais de novembro e comezos de decembro. Baixo o título 'Camiños de Santo André de Teixido 2026', a proposta arrancará o sábado 28 de novembro cunha xornada de encontros no Auditorio de Cedeira e continuará cunha camiñada, unha visita guiada e unha exposición fotográfica.
A primeira cita será ás 11:00 horas do sábado 28. O programa inclúe a intervención da profesora da Universidade da Coruña María Elvira Lezcano, que abordará a presenza das mulleres no Camiño de Santo André. Tamén participarán as Caldupeiras de Porto do Cabo, cunha proposta titulada 'As Caldupeiras: un camiño na memoria'.
A xornada contará ademais coa exposición fotográfica 'Mulleres no Camiño', da fotógrafa Noelia Blanco, que recolle imaxes relacionadas coas mulleres e esta ruta de peregrinación.
O luns 30 de novembro terá lugar unha camiñada desde Cedeira ata Santo André de Teixido, acompañada dunha visita guiada gratuíta. A participación require inscrición previa a través da páxina web e as prazas son limitadas.
A programación completarase o martes 1 de decembro coa apertura da exposición 'Mulleres no Camiño' no Museo Terras de Cedeira, onde poderá visitarse a partir desa data.
As actividades están organizadas polo Concello de Cedeira e o Xeoparque Cabo Ortegal e buscan poñer o foco na memoria, as experiencias e a achega das mulleres a un dos itinerarios de peregrinación máis recoñecidos de Galicia.