As praias de Ortigueira centrarán a terceira edición do concurso fotográfico 'Ortigueira nunha foto'

FerrolXa
O certame repartirá 600 euros en premios e manterá aberto o prazo de presentación de imaxes ata o 2 de outubro
ORTIGUEIRA praia morouzos
4 Aug 2026

O Concello de Ortigueira, a través da Concellería de Turismo e Patrimonio, vén de convocar a terceira edición do concurso de fotografía 'Ortigueira nunha foto', unha iniciativa que busca promover a fotografía como ferramenta para divulgar a riqueza paisaxística, patrimonial e cultural do municipio.

Nesta edición, o certame estará dedicado ás praias de Ortigueira, polo que as imaxes participantes deberán mostrar e poñer en valor os areais do municipio, indicando o lugar no que foron tomadas.

A participación é libre e gratuíta, e cada persoa poderá presentar un máximo de tres fotografías, que deberán ser inéditas e non ter sido publicadas previamente nin premiadas noutros concursos. As obras deberán entregarse en papel, en formato comprendido entre 30x40 e 40x50 centímetros, tanto en cor como en branco e negro. As bases exclúen expresamente os fotomontaxes, colaxes e as imaxes creadas mediante intelixencia artificial.

O prazo para presentar os traballos permanecerá aberto ata as 14.30 horas do 2 de outubro, podendo realizarse a entrega no Rexistro do Concello ou mediante correo postal.

O concurso repartirá un total de 600 euros en premios, con 300 euros para a fotografía gañadora, 200 para a segunda clasificada e 100 para a terceira. A entrega terá lugar o 23 de outubro, coincidindo coa inauguración dunha exposición na Casa do Concello na que se exhibirán as tres obras premiadas e unha selección das fotografías finalistas, que poderá visitarse durante todo o mes.

0.093286991119385