As vacacións, a turistificación e o postureo chegan ao escenario de Valdoviño con 'JASTAC JAPI JOLIDAYS'

As vacacións, as viaxes e a maneira na que vivimos o tempo de lecer serán o fío condutor de 'JASTAC JAPI JOLIDAYS', o novo espectáculo de Leti da Taberna que chegará a Valdoviño este venres, 9 de outubro, ás 20.00 horas.
A actuación forma parte do ciclo de teatro do Concello 'Ven o Venres' e propón unha viaxe cargada de humor arredor da forma na que a sociedade entende e vive as vacacións. A humorista cuestiona no espectáculo se realmente aproveitamos o noso tempo libre, se pasamos boa parte do ano agardando polas vacacións ou se as viaxes se realizan por pracer ou tamén polo desexo de mostralas nas redes sociais.
A proposta tamén aborda, desde a comedia, cuestións relacionadas coa turistificación e co prezo que teñen determinados modelos turísticos.
Unha viaxe con humor e comedia física
'JASTAC JAPI JOLIDAYS' combina o monólogo humorístico con diferentes recursos escénicos. O espectáculo incorpora momentos de comedia física, unha escenografía deseñada para acompañar o desenvolvemento da función e un espazo sonoro pensado para transportar o público ata o particular resort de vacacións que propón Leti da Taberna.
A artista invita así os asistentes a poñerse en modo vacacións, cámara selfie en man e redes sociais preparadas, nunha experiencia na que as risas forman parte do paquete.
O espectáculo supón tamén un paso adiante na proposta escénica de Leti da Taberna, que amplía o formato habitual do monólogo para incorporar diferentes elementos visuais e sonoros.