As VI Xornadas Micolóxicas de Neda ofrecerán unha iniciación ao mundo dos fungos e dos cogomelos

A Asociación Micolóxica Viriato e o Concello de Neda poñen en marcha esta semana a sexta edición das Xornadas Micolóxicas, unha proposta gratuíta para achegar a veciñanza ao mundo dos fungos e dos cogomelos. A actividade desenvolverase os días 20 e 21 de novembro e combinará unha sesión teórica cunha saída de observación ao medio natural.
A primeira xornada terá lugar o venres, entre as 19.00 e as 21.00 horas, na Casa das Palmeiras. Durante esta sesión, as persoas asistentes poderán coñecer as diferenzas entre fungos e cogomelos, así como afondar no seu comportamento na natureza e nas distintas tipoloxías existentes.
As explicacións tamén incluirán claves para distinguir os cogomelos comestibles dos que non o son, con especial atención ás especies máis perigosas pola súa toxicidade e ás variedades comestibles máis abundantes na comarca. Os expertos da Asociación Viriato acompañarán os contidos cunha mostra de exemplares.
Saída de observación á beira do Belelle
A programación completarase o sábado pola mañá cunha saída de campo para poñer en práctica os coñecementos adquiridos. Será un paseo de observación á beira do río Belelle, desde a área recreativa de Maciñeira ata o parque micolóxico da asociación.
As persoas interesadas en participar poden inscribirse ata o xoves 19 de novembro na Biblioteca Municipal, a través do teléfono 981 390 233. As prazas son limitadas.