As xornadas sobre emigración de Mañón ofrecerán en novembro unha exposición, un concerto e unha presentación literaria

FerrolXa
O programa celebrarase no local social da S.C.R. Luz de Ribeiras do Sor e incluirá unha mostra sobre a imaxe de Galicia nas revistas da emigración, un espectáculo musical sobre o Brasil e a historia dun emigrante local
MAÑON xornadas emigración
30 Oct 2026

O local social da S.C.R. Luz de Ribeiras do Sor acollerá durante o mes de novembro unhas novas xornadas sobre a emigración, con tres actividades culturais que permitirán achegarse á historia dos galegos que marcharon ao estranxeiro e á súa influencia na construción da identidade galega. A programación combinará unha exposición, un concerto e a presentación dun libro.

A iniciativa enmárcase no Proxecto Migracións Mañón, no que desde hai tres anos traballa un equipo de persoas voluntarias de diferentes ámbitos xunto co Concello. O obxectivo é investigar, recuperar e poñer en valor a historia local relacionada tanto coa emigración de épocas pasadas como coa inmigración actual, vinculada ao asentamento de nova veciñanza procedente doutros países.

As xornadas están coordinadas pola Biblioteca Pública Municipal do Barqueiro-Mañón e a área de Animación Sociocultural do Concello.

Unha exposición sobre a imaxe de Galicia na emigración

A programación arrancará o venres 6 de novembro, ás 18:00 horas, coa inauguración da exposición itinerante 'Galicia imaxinada nas revistas da emigración', organizada polo Consello da Cultura Galega.

A mostra reúne vinte paneis que permiten coñecer como as publicacións da emigración contribuíron a construír e difundir unha determinada imaxe de Galicia durante o século XIX.

A exposición poderá visitarse as fins de semana do 6 ao 8 e do 13 ao 15 de novembro, en horario de 18:00 a 20:00 horas. A clausura está prevista para o domingo 15 de novembro, ás 20:00 horas.

Música e narración para lembrar a emigración ao Brasil

O sábado 7 de novembro, ás 18:00 horas, será a quenda do dúo Baraza, que presentará 'Remelexo', un espectáculo que combina música, narración oral e proxección de imaxes.

A proposta aborda a emigración galega ao Brasil a través da figura de Diniña e forma parte do programa 'Outono das artes', impulsado pola área de Cultura da Deputación da Coruña.

A historia dun emigrante de Ribeiras do Sor

A última actividade será a presentación do libro 'Chamábanlle Pancho Villa', prevista para o sábado 14 de novembro, ás 18:00 horas. O seu autor, Bernard Legonidec, reconstrúe a historia de vida de Servando Blanco, un emigrante natural de Ribeiras do Sor.

O acto contará coa presentación de Beatriz Bermúdez, bibliotecaria en Mañón, e coa colaboración de Terras do Ortegal.

Todas as actividades serán de acceso libre e gratuíto. Para obter máis información, as persoas interesadas poden contactar coa Biblioteca Municipal a través do correo electrónico biblioteca@manon.es ou con Bea, no teléfono 669 20 45 29, así como con Isolina.

0.1742479801178