Asotrame invita a deseñar postais de Nadal para pacientes de cancro hematolóxico ingresados en hospitais galegos

GaliciaXa | FerrolXa
A iniciativa 'Luces de colores' busca reunir tarxetas elaboradas pola cidadanía para levar ánimo e cariño ás persoas que pasarán as festas hospitalizadas; poderán entregarse ata o 4 de decembro
FERROL postais nadal
21 Nov 2026

Asotrame volve poñer en marcha a súa iniciativa solidaria 'Luces de colores' para achegar o espírito do Nadal ás persoas con cancro hematolóxico que pasarán estas datas ingresadas en hospitais galegos. A asociación invita a centros educativos, entidades e particulares a deseñar postais de Nadal que se entregarán aos pacientes durante as festas.

O proxecto artístico e solidario naceu da man da ilustradora Laura Molero, cofundadora e voluntaria da entidade, e busca transmitir mensaxes de cariño, ánimo e bos desexos a persoas que atravesan un momento complicado de saúde.

Este ano, a asociación espera reunir máis postais que en edicións anteriores, despois de completar durante os últimos doce meses a súa expansión por todas as áreas sanitarias de Galicia.

Como participar

As tarxetas poderán elaborarse con liberdade, mediante debuxos, pinturas, troquelados ou outras técnicas, sempre que inclúan unha mensaxe de cariño ou bos desexos de cara a 2027 dirixida ás persoas que as recibirán.

Para facilitar a recollida, Asotrame conta coa colaboración de diferentes centros comerciais galegos, que dispoñerán de caixas solidarias. Polo momento, pódense depositar as postais en As Cancelas, en Santiago de Compostela, e en Odeón, en Narón. Nos próximos días sumarase tamén El Corte Inglés de Vigo.

As persoas que prefiran enviar os seus deseños por correo ordinario poderán facelo á sede central de Asotrame, situada na rúa Chile, número 2-4, entresollado dereito, en Ferrol, co código postal 15404.

O prazo para participar permanecerá aberto ata o próximo 4 de decembro.

Presenza en hospitais de toda Galicia

Asotrame conta actualmente con presenza regular nos hospitais de referencia para transplantes de medula ósea e terapias CAR-T: o Hospital Clínico de Santiago, o Hospital Universitario da Coruña e o Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.

A estes centros súmanse o Hospital Lucus Augusti de Lugo, o Hospital Naval de Ferrol, o Hospital Montecelo de Pontevedra e, desde o pasado verán, o Hospital Universitario de Ourense.

Con 'Luces de colores', a asociación pretende que as persoas ingresadas durante as festas poidan recibir tamén un pequeno xesto de proximidade e solidariedade a través das postais elaboradas por cidadáns de toda Galicia.

0.15550804138184