Ata 24 millóns de euros para desbloquear o saneamento pendente e acabar cos vertidos á ría de Ferrol

Un investimento de entre 20 e 24 millóns de euros aparece como a principal vía para dar unha solución definitiva aos problemas de saneamento que arrastra Neda. O pleno municipal aprobou este luns reclamar á Xunta e a Augas de Galicia que incorporen aos orzamentos autonómicos de 2027 unha partida que permita comezar a executar a alternativa prevista no Plan director de saneamento.
A proposta pon o foco na conexión do sistema de saneamento de Neda coa rede da marxe dereita da ría de Ferrol, unha actuación que o Concello considera necesario impulsar 'no prazo máis curto posible', sempre que os informes técnicos non establezan outra solución.
O Plan director remitido á Xunta hai case ano e medio contempla diferentes alternativas e conclúe que continuar coa actual depuradora non resulta viable como solución de futuro. O investimento necesario, segundo o documento, sitúase entre os 20 e os 24 millóns de euros, unha cantidade que supera amplamente a capacidade económica do Concello, cun orzamento anual duns 5,5 millóns.
A situación da actual EDAR é precisamente un dos puntos centrais da reclamación. O Concello sinala que Augas de Galicia contratou en 2014 as obras de ampliación e mellora da depuradora, pero os traballos quedaron incompletos. O proxecto foi retomado en 2020 tras a quebra da empresa adxudicataria, pero, segundo a información exposta no pleno, as instalacións continúan presentando deficiencias que dificultan o seu correcto funcionamento.
A consecuencia é que as obras aínda non foron recibidas polo Concello mentres continúan os problemas de vertidos á ría. O goberno local considera especialmente relevante esta situación porque, ao mesmo tempo, Neda está a afrontar expedientes sancionadores relacionados precisamente con eses vertidos.
A moción aprobada reclama por iso non só financiamento para avanzar cara a unha nova solución, senón tamén o cese dos expedientes sancionadores derivados dunha situación que o Concello atribúe, en parte, ás deficiencias das infraestruturas pendentes de completar. O texto aprobado lembra ademais que o propio director de Augas de Galicia tería relacionado os vertidos coa 'deficiencia da depuradora e os alivios frecuentes'.
A petición chega despois de que o Concello impulsase durante este mandato a elaboración do Plan director de saneamento, co obxectivo de analizar o estado das redes e definir unha solución global. Desde el gobierno local critican que, tras remitir o documento á Xunta, transcorrese case ano e medio sen recibir unha resposta sobre as alternativas propostas.
O acordo plenario saíu adiante cos votos favorables de PSOE, BNG e Moveneda, mentres que o PP se abstivo. A formación popular fora tamén a que gobernaba cando Neda quedou fóra do Plan integral de saneamento da marxe dereita da ría de Ferrol, segundo lembra a propia moción.
Ademais, a proposta incorpora un compromiso municipal para reservar no próximo orzamento unha partida específica destinada a continuar realizando melloras na rede de saneamento. A intención é manter as actuacións locais mentres se reclama á Xunta unha solución de maior alcance.