Avelino González levará lendas e humor á celebración do Samaín na antiga igrexa de Loira

As lendas, os personaxes singulares e as historias que mesturan o tráxico co cómico volverán protagonizar a celebración do Samaín en Valdoviño. O Concello propón unha nova cita para gozar desta tradición na contorna da vella igrexa e cemiterio de Loira, que este venres, 30 de outubro, se converterá no escenario do espectáculo ‘Chistes que foron contos’, a cargo do actor e cómico galego Avelino González. A función comezará ás 19.00 horas e está recomendada para maiores de 12 anos.
A actividade forma parte do programa de dinamización da lectura ‘Ler conta moito’, impulsado pola Xunta de Galicia, e busca achegar ao público as historias transmitidas ao longo do tempo a través da narración oral, as lendas e o humor. A proposta convida a descubrir que detrás de moitos chistes actuais hai relatos antigos e que calquera lugar garda historias dignas de ser contadas.
No seu monólogo, Avelino González parte precisamente desa idea: moitos dos chistes que hoxe se contan foron contos noutra época. A partir desta premisa, o intérprete percorre historias e personaxes presentes na tradición popular, desde figuras pintorescas ou relevantes ata lendas de mouras e tesouros, sen esquecer anécdotas e sucesos tráxicos, cómicos ou amorosos.
Para preparar esta sesión, o cómico recorre a un traballo de busca e recolla en diferentes fontes, entre elas libros, literatura local, blogs e páxinas web especializadas no patrimonio e na tradición galega, como Galicia Encantada ou Patrimonio Galego. O resultado é unha proposta que combina narración e humor e que recupera historias vinculadas á memoria colectiva e aos lugares nos que se transmitiron.
A elección da antiga igrexa e do cemiterio de Loira como escenario reforza o ambiente da celebración do Samaín, nunha contorna ligada á memoria e ás historias do pasado. En caso de choiva, a actuación trasladarase á Casa da Cultura. A cita está aberta á veciñanza e pretende reunir nenos, nenas e persoas adultas arredor da tradición oral galega, aínda que o espectáculo está recomendado a partir dos 12 anos.