Cabalos, xantar e festa familiar marcarán a III Ruta Cabalar Cidade de Narón

FerrolXa
A cita será o 10 de outubro cun percorrido a cabalo, comida popular e actividades para os máis pequenos nas naves da Feira do Trece
NARON iii ruta cabalar
28 Sep 2026

Narón volverá reunir a afeccionados ao mundo do cabalo coa celebración da III Ruta Cabalar Cidade de Narón, unha xornada que combinará a ruta ecuestre con gastronomía e actividades para toda a familia. A cita terá lugar o sábado 10 de outubro e as inscricións permanecerán abertas ata o día 8.

A xornada comezará ás 9.00 horas no Camiño da Feira, 33, coa recepción dos participantes, que poderán tomar café e almorzar antes de iniciar o percorrido. A saída da ruta está prevista para as 10.00 horas e durante o itinerario realizarase unha parada para tomar uns petiscos.

O programa continuará ás 14.30 horas cun xantar popular nas naves da Feira do Trece. O menú incluirá bebida, callos, churrasco, sobremesa, café e chopo. Para os nenos e nenas haberá tamén unha opción infantil con tortilla, pizza ou nuggets.

A proposta non está reservada exclusivamente ás persoas que participen na ruta. Quen queira poderá acudir directamente ao xantar e compartir a xornada coa organización e os participantes. Pola tarde haberá ademais animación e inchables para a cativada.

A participación na ruta e no xantar ten un prezo de 15 euros para as persoas socias da Asociación Cabaleiros de Narón e 30 euros para as non socias. Os menores de 12 anos abonarán 15 euros, mentres que quen só queira asistir á comida deberá pagar 25 euros.

As inscricións estarán abertas ata o xoves 8 de outubro. Para participar é necesario enviar a folla de inscrición cuberta xunto co xustificante de pagamento por WhatsApp a Diego, no 677 193 977, Rami, no 637 568 347, ou Raúl, no 610 697 102.

A actividade está organizada pola Asociación Cabaleiros de Narón, coa colaboración do Concello de Narón e do Padroado de Deportes, e chega este ano á súa terceira edición coa intención de reunir nunha mesma xornada afección polo mundo ecuestre, gastronomía e actividades familiares.

0.13212585449219