Cabanas convoca o seu primeiro Concurso de Luces de Nadal para premiar a decoración das vivendas

O Concello de Cabanas celebrará este Nadal a primeira edición do Concurso de Luces de Nadal, unha iniciativa impulsada pola asociación veciñal El Pinar de la Magdalena en colaboración co Concello, que busca encher de luz e decoración as rúas do municipio e fomentar a participación da veciñanza.
O certame contará con tres categorías independentes: mellor decoración de fiestra, mellor decoración de vivenda e mellor decoración de porta. Deste xeito, preténdese ofrecer distintas posibilidades de participación e que os diferentes tipos de inmobles poidan competir en igualdade de condicións.
As decoracións participantes poderán lucirse entre o 12 de decembro e o 6 de xaneiro, convertendo as vivendas de Cabanas nun escaparate do ambiente festivo destas datas. O xurado terá en conta criterios como a orixinalidade, a iluminación, a decoración e o aproveitamento do espazo visible desde a vía pública.
As persoas interesadas en participar deberán formalizar a súa inscrición antes do 30 de novembro, contactando coa asociación El Pinar de la Magdalena. O concurso contempla premios en forma de vales regalo para utilizar na gasolineira local.
As persoas gañadoras daranse a coñecer o sábado 16 de xaneiro, nun acto que terá lugar no local de As Viñas.
As bases completas, cos requisitos e as condicións de participación, poden consultarse na páxina web do Concello de Cabanas e nas redes sociais da asociación veciñal organizadora.