Cabanas reunirá a familias e cans nun encontro con actividades, obradoiros e música en directo

FerrolXa
O Paseo Marítimo acollerá o sábado 10 de outubro unha xornada gratuíta de 10.30 a 21.00 horas con feira de produtos para mascotas, charlas, sorteos e a visita da Unidade Canina da Garda Civil
CABANAS praia canina
4 Sep 2026

O Paseo Marítimo de Cabanas converterase o vindeiro sábado 10 de outubro nun punto de encontro para familias e amantes dos animais coa celebración do Encontro Canino de Cabanas 2026, unha xornada gratuíta pensada para compartir experiencias e gozar en compañía dos cans.

O evento desenvolverase desde as 10.30 ata as 21.00 horas e contará con diferentes propostas relacionadas co mundo das mascotas. O programa inclúe unha feira de produtos para animais e o obradoiro 'Deixa a túa pegada', ademais dunha mesa redonda na que participarán profesionais e representantes vinculados ao coidado e benestar dos cans.

Neste espazo intervirán unha etóloga canina, unha veterinaria, representantes de protectoras e profesionais do adestramento canino, que abordarán diferentes cuestións relacionadas cos animais de compañía.

A xornada tamén incluirá un sorteo de produtos e a entrega dun premio á fotografía máis simpática do día. Un dos atractivos especiais será a visita da Unidade Canina da Garda Civil, que permitirá aos asistentes coñecer de preto o traballo destes animais.

Música en directo para pechar a xornada

A programación continuará pola noite con música en directo a cargo do grupo Sekadra e Leni Pérez, que ofrecerán o seu espectáculo 'Tradisons na Modernidade'.

Ademais, o encontro contará con servizo de restauración para os asistentes. Todas as actividades terán entrada gratuíta, polo que a organización anima as familias e as persoas que conviven con cans a participar nesta xornada.

0.11660408973694