Cáritas achegará ao Campus de Ferrol o seu traballo en cooperación e emerxencias humanitarias

Que acontece despois de que unha emerxencia humanitaria deixa de ocupar os titulares? Como se acompaña ás comunidades afectadas máis alá da resposta inmediata? Estas serán algunhas das cuestións que centrará a conferencia 'Cooperación en Cáritas: desenvolvemento e emerxencias como procesos sostidos', que terá lugar este venres, 20 de novembro, ás 11.00 horas, no Salón de Graos da Facultade de Humanidades e Documentación do Campus Industrial de Ferrol.
A sesión correrá a cargo de Carmen Gómez de Barreda Golmayo, integrante da área de Fortalecemento Institucional Europa de Cáritas Española, que conta con 25 anos de experiencia profesional no ámbito da cooperación ao desenvolvemento. Durante a súa intervención explicará o modelo de traballo en rede da organización e abordará a importancia de manter o acompañamento ás comunidades antes, durante e despois dunha emerxencia.
A charla pretende amosar que a cooperación internacional non se limita á atención inmediata ante unha catástrofe, senón que tamén require procesos de desenvolvemento e fortalecemento institucional a longo prazo. Gómez de Barreda é licenciada en Ciencias Económicas pola Universidade Autónoma de Madrid e conta con formación de posgrao en cooperación ao desenvolvemento e relacións internacionais e estudos africanos.
Unha dinámica para poñerse no lugar das persoas migrantes
A xornada completarase coa actividade participativa 'E se mañá foses ti?', conducida por María Méndez Pérez de Arévalo, psicóloga do Centro de Día de Inclusión Social Gabriel Vázquez Seijas de Cáritas Diocesana de Mondoñedo-Ferrol.
A proposta convidará as persoas asistentes a reflexionar sobre as circunstancias que obrigan a moitas persoas a abandonar os seus fogares e sobre a acollida das persoas migrantes e refuxiadas desde unha perspectiva de dereitos humanos.
A actividade está dirixida especialmente ao alumnado do grao en Relacións Internacionais, aínda que tamén poderá asistir o conxunto da comunidade universitaria e o público xeral interesado. A entrada será libre e gratuíta ata completar a capacidade do Salón de Graos.