Cedeira celebrará o tradicional Samaín nas tardos do 30 e 31 de outubro

FerrolXa
Instalaranse carpas no Paseo da Mariña para acoller obradoiros e exposición de caveiras talladas e desenvolverase o pasarrúas das pantasmas
samain-cedeira
19 Oct 2026

O Concello de Cedeira, co impulso do tecido asociativo local, organiza un ano máis a festa do auténtico Samaín, o que celebraban os nosos avós tallando melóns e fiando zonchos, sen sangue, nin armas nin máis disfrace que o dunha ánima coa cara ciscada de branco. O programa desenvolverase nas tardes do venres 30 e o sábado 31, co devezo de involucrar a maiores e pequenos, tando veciñanza da vila como visitantes da contorna, e con moitas actividades entre as que ten particular éxito o pasarrúas das pantasmas.

Esta será a XXXVIII edición dun evento que, aínda que recollendo unha tradición secular, inaugurou Cedeira en 1989 coa idea de recuperar a forma en que de sempre se celebrou en Galicia a festa dos defuntos. As cabazas, que tallaron os celtas moito antes de que o copiara Halloween, son as protagonistas no cartel deseñado de novo por Laura Recio, cunha estampa que este ano nos leva a algunha casa da zona rural cedeiresa, co mar e os cantís da Capelada de fondo.

O programa comezará o venres 30 ás 17.30h, nas carpas que se van instalar no Paseo da Mariña. Desenvolveranse obradoiros de pintura, de zonchos e de coroas, antes de que dea comezo, ás 20.30h, o espectáculo musical e de teatro “A Casa do Terror”, dirixido ao público familiar. Xoán Curiel e A Banda do Verán misturan nesta función ritmos rockeiros de bandas sonoras de películas de terror dos anos 50 e 60 con recursos teatrais. A proposta gañou o premio Martín Códax da Música Galega en 2029, na categoría de Mellor Música Infantil.

As carpas do paseo da Mariña volverán rexistrar un bulebule de actividade o sábado a partir das 17.00h. A partir desa hora, cativada e maiores poderán depositar as súas cabazas talladas para a exposición, unha mostra sempre chea de orixinalidade. Desenvolveranse tamén obradoiros de tallado de cabazas e de maqueado, para que os nenos e nenas poidan preparar os seus calacús e caracterizarse como unha auténtica avisión. Nesta tarde de diversión tamén haberá merendola, con bola de azucre e requeixo.

Ás 20.30h chegará o momento do pasarrúas de pantasmas, a hora na que cae a noite e non se prenden máis luces que as das candeas ou as lanternas. Pequenos e maiores xúntanse na praza da Marieta para iniciar un percorrido ás escuras polo casco vello, con moitos sustos e moitas risas.

O Concello de Cedeira organiza a festa coa Asociación de Amigos do Samaín e contando coa colaboración da asociación Buxainas, da Escola de Música, a Banda de Música e de moitos veciños e veciñas da vila involucrados coa autenticidade desta festa.

0.17821383476257