Cedeira programa nove actividades culturais e turísticas para disfrutar do Nadal

FerrolXa
O Museo Terras de Cedeira acollerá unha exposición fotográfica, dous obradoiros infantís e unha charla, mentres que tamén haberá visitas guiadas polos Murais Atlánticos, os escenarios de 'Rapa' e Santo André de Teixido
CEDEIRA actividades nov 26'
29 Nov 2026

Cedeira xa ten preparada a súa programación de actividades para o mes de decembro. O Museo Terras de Cedeira e a Oficina de Turismo serán o punto de partida de varias propostas culturais e turísticas que inclúen exposicións, obradoiros infantís, unha charla e percorridos guiados por algúns dos lugares máis representativos do municipio.

A programación arrancará o 1 de decembro coa apertura da exposición fotográfica 'Mulleres no Camiño de Santo André', de Noelia Blanco, que poderá visitarse ata o 5 de xaneiro no Museo Terras de Cedeira.

As visitas guiadas comezarán o 5 de decembro, ás 17.00 horas, cun percorrido polos Murais Atlánticos de Cedeira. Ao día seguinte, o 6 de decembro ás 12.00 horas, haberá unha visita guiada por Santo André de Teixido.

A oferta continuará o 7 de decembro, ás 12.00 horas, cun obradoiro infantil no museo dedicado aos San Andresiños de miga de pan, unha artesanía tradicional vinculada a Santo André. O 12 de decembro, tamén ás 12.00 horas, será a quenda dunha visita guiada polos escenarios da serie 'Rapa'.

O calendario inclúe outras dúas oportunidades para coñecer Santo André de Teixido. A primeira será o 13 de decembro, ás 12.30 horas, e a segunda, o 27 de decembro, á mesma hora.

A programación completarase con dúas propostas infantís e divulgativas no museo. O 24 de decembro, ás 12.00 horas, celebrarase un obradoiro de cartas de Nadal, mentres que o día 26, tamén ao mediodía, terá lugar a charla 'Os San Andresiños no tempo'.

Inscricións gratuítas

As actividades que requiren reserva contan con inscrición gratuíta. As persoas interesadas poden anotarse a través do correo electrónico museoterrasdecedeira@gmail.com ou da páxina web.

A programación ofrece así distintas alternativas para achegarse ao patrimonio, á cultura e ás tradicións de Cedeira durante as festas do Nadal.

0.3354320526123