Cerdido abre a inscrición para os cursos de Albar Quercus do período 2026/2027

FerrolXa
A programación inclúe actividades de fitness, ioga, manualidades, cestería, bolillos e cociña en diferentes espazos do municipio, con tarifas reducidas para as persoas socias
CERDIDO concello
20 Oct 2026

O Concello de Cerdido e a Asociación Albar Quercus poñen en marcha a oferta de cursos para o período 2026/2027, unha programación que combina actividade física, benestar e propostas creativas para a veciñanza. A iniciativa conta co apoio da Deputación da Coruña e inclúe actividades en distintas instalacións municipais.

Fitness e ioga para todos os públicos

O Polideportivo da Barqueira acollerá as sesións de Baile Fitness, GAP e Step. As clases de Baile Fitness e GAP celebraranse os luns, con dúas posibles quendas: de 17:30 a 19:00 horas ou de 19:00 a 20:30 horas. Os mércores impartiranse Step e GAP, tamén en dúas quendas, de 18:30 a 20:00 horas e de 20:00 a 21:30 horas. A apertura das quendas dependerá de que se acade un número mínimo de participantes, e existe a posibilidade de intercambiar actividades.

Os prezos para estas modalidades son de 15 euros mensuais para as persoas socias e 25 euros para as non socias no caso de asistir un día á semana. Para quen acuda dous días, as tarifas serán de 20 e 30 euros, respectivamente.

Pola súa banda, o centro de O Castro será o escenario das clases de ioga xeral, que se desenvolverán os luns e mércores de 18:30 a 20:00 horas e os martes de 10:00 a 11:30 horas. Nesta última franxa tamén se ofrecerá Ioga Amodiño, unha modalidade adaptada que se realiza en cadeira e está pensada para persoas con problemas de mobilidade.

As tarifas do ioga serán de 30 euros para socias e 40 euros para non socias por un día á semana, mentres que a asistencia dous días terá un custo de 40 euros para as persoas socias e 50 euros para as non socias.

Obradoiros de manualidades, bolillos e cociña

A oferta complétase con actividades tradicionais e creativas repartidas por varias escolas do municipio. A Escola dos Casás acollerá os xoves o obradoiro de Manualidades e Cestería, de 19:00 a 21:00 horas, cun prezo de 25 euros para socias e 35 euros para non socias.

Na Escola da Avispeira desenvolveranse as clases de Bolillos, tamén os xoves, de 15:30 a 18:30 horas. Neste caso, a tarifa será de 30 euros para as persoas socias e 40 euros para as non socias.

Ademais, a Escola dos Casás acollerá o curso de Cociña os mércores, con dúas quendas: de 15:15 a 17:15 horas e de 17:30 a 19:30 horas. Esta actividade xa ten todas as prazas cubertas.

Como inscribirse

As persoas interesadas en reservar unha praza ou solicitar máis información poden contactar coa organización a través dos seguintes teléfonos: 679 912 842, 626 618 881 ou 626 061 737.

A programación ofrece alternativas para manterse activo, aprender novas habilidades e participar na vida social do municipio durante o curso 2026/2027.

0.15599203109741