Cerdido celebrará o Día do Maior cunha tarde de teatro musical, chocolatada e música

A música e o entretemento centrarán a celebración do Día do Maior en Cerdido, que terá lugar o sábado 21 de novembro cunha programación aberta ao público na Área Recreativa do Castro. A proposta combinará teatro musical, unha chocolatada popular e unha actuación musical para animar a tarde.
As actividades comezarán ás 16.00 horas cun espectáculo do Dúo Vaguedades. A continuación, entre as 17.00 e as 19.00 horas, celebrarase unha chocolatada popular para as persoas asistentes. A programación rematará ás 19.00 horas coa música en directo da Tuna de Veteranos da Coruña.
A iniciativa está organizada polo Concello de Cerdido e conta coa colaboración de Cabo Ortegal Xeoparque, a Rede Cultural da Deputación da Coruña e a asociación Albar Quercus.