Cobas recupera o pulso das súas tradicións coa creación dunha nova asociación cultural

Cobas acaba de dar un paso para recuperar parte da súa memoria e das súas tradicións. Un grupo de veciños e persoas vinculadas á parroquia constituíu a nova Asociación Cultural-Comisión de Festas de Cobas-Ferrol, unha entidade que nace coa intención de impulsar a vida cultural da zona e, especialmente, recuperar celebracións populares que forman parte da identidade da parroquia.
Entre os seus principais obxectivos está precisamente dar pulo de novo a festas e costumes moi ligados á historia de Cobas, entre elas a celebración de San Martiño e a festa das Cabazas, dúas citas de especial significado para a veciñanza e que a nova asociación pretende contribuír a recuperar e manter vivas.
A entidade tamén nace coa intención de converterse nun punto de encontro para os veciños e veciñas. Para iso, organizará actividades culturais e lúdicas, ademais de encontros destinados a recuperar a memoria da parroquia e coñecer mellor os seus costumes e tradicións.
A primeira reunión da asociación celebrouse este xoves, 3 de setembro, e nela quedaron asinadas a acta fundacional e os estatutos. Nos próximos días, esta documentación será presentada para a súa inscrición no Rexistro de Asociacións da Xunta de Galicia.
A primeira xunta directiva estará encabezada por Manuel Beceiro, como presidente, acompañado por Francisco Vellón na vicepresidencia, Joao González como secretario e María de los Ángeles Sánchez como tesoureira. Margarita Espiñaira, Daniel Lorenzo e Joaquín Enríquez completan a directiva como vogais.
A nova entidade también prevé organizar charlas, presentacións de libros, concertos e outras actividades culturais e divulgativas, ademais de asumir o papel de comisión de festas para preparar as celebracións de Cobas.
O obxectivo de fondo é que estas iniciativas sirvan para reforzar a identidade da parroquia e evitar que se perdan tradicións e celebracións que durante anos formaron parte da vida dos veciños de Cobas.