Contos, teatro e monicreques para os máis pequenos: así será o novo ciclo de Apego en Narón

FerrolXa
O programa gratuíto, pensado para familias con nenos e nenas de 0 a 6 anos, ofrecerá catro sesións entre setembro e novembro no Centro Cívico Social de San Xiao
NARON casa do concello
Casa do Concello de Narón desde a Praza de Galicia. Autoría: PepedoCouto. Licenza: CC BY-SA 3.0. Vía Wikimedia Commons.
15 Sep 2026

As familias con nenos e nenas de 0 a 6 anos terán este outono unha nova oportunidade para achegarse aos contos, o teatro, as cancións e os monicreques en galego. O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Narón vén de presentar unha nova edición do programa Apego, que ofrecerá catro actividades gratuítas entre finais de setembro e novembro.

As sesións celebraranse os mércores 30 de setembro, 14 de outubro, 11 e 25 de novembro, sempre ás 17.00 horas, no Centro Cívico Social de San Xiao.

A programación arrancará o 30 de setembro coa compañía A Xanela do Maxín e o espectáculo 'Os libros da titiriteira'. A proposta combina contacontos e monicreques a través de grandes libros nos que se agochan diferentes historias.

O 14 de outubro será a quenda de 'Colorín, colorete', da narradora Charo Pita. Trátase dunha sesión especialmente pensada para bebés de 0 a 3 anos, na que os contos e as cantigas compartirán protagonismo con pequenas historias e xogos.

A programación continuará o 11 de novembro con 'A loba Antea', da compañía As dos Contiños. O espectáculo combina música, narración oral e monicreques para abordar cuestións como a amizade e o respecto polo medio ambiente a través da historia dunha loba que coida do monte do Viso e da súa relación coa nena Sarela.

O ciclo rematará o 25 de novembro con 'Animaladas', de Calavera Teatro. Nesta ocasión, a exploradora Jeanne Baret levará os asistentes a unha viaxe pola selva Pitiminí na procura das súas especies e dos misterios que agocha.

Todas as propostas son de balde, aínda que é necesario realizar unha inscrición previa. Para participar, as familias deben escribir ao correo a.pita@naron.gal indicando a actividade escollida, o nome e a idade do neno ou nena, os datos da persoa acompañante, así como un enderezo electrónico e un teléfono de contacto.

A programación busca achegar o galego ás familias desde as primeiras idades a través de actividades culturais e de lecer, creando espazos nos que os máis pequenos poidan familiarizarse coa lingua mediante os contos, a música, o teatro e o xogo.

0.098362922668457